O PSdeG-PSOE de Ourense abre o proceso de primarias para elixir candidato ou candidata á Alcaldía da cidade

A Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense vén de informar da posta en marcha do proceso interno de primarias para a elección do candidato ou candidata socialista á Alcaldía de Ourense nas eleccións municipais de maio de 2027.
Ao tratarse do único municipio da provincia con máis de 20.000 habitantes, este proceso circunscríbese á cidade de Ourense, segundo as bases aprobadas polos órganos federais da formación.
O calendario fixado establece varias fases. As precandidaturas deberán presentarse antes do 3 de xullo ás 12:00 horas. A continuación, entre o 4 e o 11 de xullo, desenvolverase a recollida de avais. Posteriormente, do 12 ao 18 de xullo terá lugar a campaña de información interna e o domingo 19 de xullo celebrarase a votación das primarias no caso de que concorra máis dun candidato ou candidata. No suposto de ser necesaria unha segunda volta, esta quedaría fixada para o 26 de xullo.
A proclamación provisional das candidaturas producirase o 11 de xullo, segundo o calendario establecido pola Comisión Executiva Federal.
O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo, sinala que "as primarias son unha das maiores fortalezas da nosa organización porque permiten que sexa a militancia quen decida, de maneira directa e democrática, a persoa que encabezará o proxecto socialista para a cidade de Ourense. É un proceso que reforza a participación, a transparencia e a lexitimidade das nosas candidaturas".
Vila Araújo fai tamén un chamamento á participación da militancia ao longo de todo o proceso e afirma que "o PSdeG-PSOE afronta este calendario coa convicción de que da pluralidade, do debate e da implicación da militancia sairá unha candidatura forte, unida e preparada para ofrecer á cidadanía de Ourense unha alternativa solvente, progresista e de futuro".
A executiva provincial anima á militancia da Agrupación Socialista de Ourense a participar activamente, destacando que o obxectivo é fortalecer a organización e escoller a mellor candidatura posible de cara a 2027, co fin de recuperar o goberno da cidade.