O PSdeG-PSOE de Ourense destaca o investimento do Goberno central na mellora da A-52

O PSdeG-PSOE de Ourense puxo en valor o compromiso do Goberno de España coa provincia tras a adxudicación das obras de rehabilitación do firme da autovía A-52, no treito comprendido entre A Gudiña e Cualedro, cun investimento de 14,9 millóns de euros.
Segundo sinalan as e os socialistas, esta actuación permitirá actuar sobre 38 quilómetros dunha infraestrutura que consideran “clave para a mobilidade, a seguridade viaria e a cohesión territorial de Ourense e de Galicia”. Neste sentido, lembran tamén que o Executivo de Pedro Sánchez leva investidos máis de 123 millóns de euros en conservación de estradas e autoestradas na provincia desde o ano 2018.
A deputada socialista no Congreso, Marga Martín, afirmou que “o Goberno de Pedro Sánchez está demostrando con feitos o seu compromiso coa provincia de Ourense, impulsando investimentos históricos para modernizar e mellorar as nosas comunicacións”. Engadiu ademais que “fronte ao abandono doutras etapas, hoxe Ourense conta cun Executivo que aposta pola seguridade viaria, pola conservación das infraestruturas e pola vertebración territorial”.
Pola súa parte, o senador socialista Rafael Rodríguez Villarino destacou que “o Goberno progresista está cumprindo coa provincia cun volume de investimentos sen precedentes que melloran a calidade de vida da cidadanía e reforzan a competitividade do territorio”.
Villarino sinalou tamén que “a rehabilitación integral do firme da A-52 era unha demanda necesaria para garantir a seguridade e o bo estado dunha das principais vías de comunicación do sur de Galicia”, e asegurou que “Ourense deixou de ser invisible para o Goberno de España”.
As obras inclúen actuacións de reforzo do firme, reposición de xuntas de dilatación en viadutos e pasos superiores, renovación da sinalización horizontal e melloras nos elementos de seguridade viaria, co obxectivo de prolongar a vida útil da autovía e incrementar a seguridade da circulación.
O PSdeG-PSOE de Ourense subliña que este investimento se enmarca nunha política continuada de actuacións na provincia e insiste en que o Goberno central “está a demostrar cun investimento sostido e histórico a súa aposta por Ourense, fronte aos anos de parálise e falta de atención sufridos anteriormente”.