O PSdeG-PSOE de Ourense inicia o traballo preelectoral e reforza a súa organización de cara ás municipais

OurenseXa
A Comisión Executiva Provincial aborda a preparación das eleccións, crea o Comité Preelectoral Provincial e convoca un novo Comité Provincial para setembro en Valdeorras
reunion-executiva-psdeg-psoe-ourense
7 Jul 2026

O PSdeG-PSOE de Ourense avanza na preparación das próximas eleccións municipais coa celebración dunha reunión ordinaria da súa Comisión Executiva Provincial, na que se analizaron cuestións relacionadas coa organización interna do partido e coa planificación do traballo preelectoral.

Durante a xuntanza, celebrada na sede provincial do partido na cidade de Ourense, o secretario xeral provincial, Álvaro Vila Araújo, informou dos principais acordos adoptados recentemente polos órganos federais e nacionais da formación, entre eles a Comisión Executiva Federal (CEF), a Comisión Executiva Nacional Galega (CENG) e o Comité Nacional (CN), trasladando as liñas de actuación previstas para os vindeiros meses.

No apartado dedicado ao proceso de elección das candidaturas municipais, a Executiva Provincial analizou o calendario das primarias e informou da proclamación de Natalia González Beneitez como candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Ourense, unha vez rematado o prazo de presentación de precandidaturas sen que se rexistrase ningunha candidatura alternativa.

A dirección provincial tamén explicou que o calendario aprobado contempla dúas novas ventás para a celebración de procesos de primarias durante os meses de setembro e novembro naqueles concellos onde exista máis dunha candidatura. Os prazos concretos serán establecidos pola dirección federal do partido.

Outro dos acordos adoptados foi a creación do Comité Preelectoral Provincial, un órgano que terá como función coordinar e impulsar o traballo organizativo de cara ás eleccións municipais, planificando o calendario de actuacións e preparando os diferentes aspectos relacionados coa cita electoral.

A Comisión Executiva Provincial acordou ademais convocar un novo Comité Provincial para finais do mes de setembro, nunha data que se concretará nas próximas semanas. A reunión celebrarase na comarca de Valdeorras, dando continuidade á intención da dirección provincial de descentralizar a actividade orgánica e manter presenza en todas as comarcas da provincia.

Álvaro Vila asegurou que "hoxe damos un novo paso na preparación dun proxecto sólido, unido e pegado ao territorio para afrontar as eleccións municipais. O noso obxectivo é ofrecer á veciñanza unha alternativa progresista, seria e con capacidade de goberno en cada concello da provincia".

O secretario provincial tamén destacou que "o Partido Socialista está a facer os deberes con tempo, organizando o traballo e fortalecendo a nosa estrutura desde cada agrupación local. Fronte a outras formacións máis preocupadas polas súas leas internas ou por conservar o poder a calquera prezo, nós estamos centrados nos problemas reais da cidadanía e en construír proxectos municipais que melloren a calidade de vida dos veciños e veciñas".

En relación coa celebración do próximo Comité Provincial en Valdeorras, Vila afirmou que "queremos un partido presente en toda a provincia. Non entendemos a política desde un despacho na capital, senón escoitando á militancia e á cidadanía en cada comarca. Ese contacto permanente co territorio é o que nos permite coñecer de primeira man as necesidades de cada concello e preparar as mellores candidaturas e os mellores programas".

Con estes acordos, o PSdeG-PSOE de Ourense asegura que continúa avanzando na súa planificación política e organizativa, reforzando a estrutura do partido e preparando o traballo de cara ás próximas eleccións municipais.

0.12378907203674