O PSdeG-PSOE de Ourense reforzase internamente cara as eleccións municipais de 2027

O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou este 27 de abril unha nova reunión ordinaria da súa Comisión Executiva Provincial, cunha dobre mirada posta no fortalecemento interno da organización e na preparación das eleccións municipais de 2027.
Durante a xuntanza, desenvolvida na sede provincial, a dirección fixo balance do traballo político e orgánico realizado nos últimos meses, destacando unha estratexia centrada en reforzar a presenza territorial do partido e consolidar a súa estrutura a nivel comarcal. Segundo se trasladou na reunión, esta folla de ruta busca impulsar un proxecto socialista “sólido, próximo e conectado coa realidade de cada municipio”.
O secretario xeral provincial, Álvaro Vila Araújo, deu conta das accións levadas a cabo desde comezos de ano, marcadas por un contacto constante coas agrupacións locais, cargos públicos e militancia en toda a provincia. Este traballo, sinalou, está orientado á configuración de candidaturas competitivas de cara ás municipais.
“Levamos meses traballando arreo, escoitando á militancia e á veciñanza, percorrendo a provincia e preparando desde abaixo candidaturas fortes, solventes e con vocación de goberno”, subliñou Vila, quen engadiu que “o PSdeG-PSOE de Ourense está organizado, activado e coa ambición de ser a alternativa progresista que precisan moitos concellos desta provincia”.
No informe presentado tamén se puxo en valor o proceso de reorganización interna, baseado na coordinación coas agrupacións locais e no fortalecemento do traballo comarcal como piares dunha nova etapa para o socialismo ourensán.
Outro dos puntos destacados da sesión foi o nomeamento da Comisión Organizadora da quinta edición do ConMemora, a xuntanza anual do partido, que se celebrará o vindeiro 22 de maio en Allariz. Este encontro pretende reunir a militancia, cargos orgánicos e institucionais nun espazo de convivencia política e reivindicación dos valores socialistas.
“ConMemora é xa un símbolo de identidade colectiva para o socialismo ourensán, un espazo para compartir proxecto, memoria e futuro, e esta quinta edición en Allariz volverá demostrar a forza dun partido vivo e en movemento”, afirmou Vila.
A Executiva abordou ademais outras cuestións organizativas, dando continuidade ao traballo das reunións anteriores, nas que se vén incidindo na necesidade de ampliar a presenza do partido no territorio e construír unha alternativa de progreso para a provincia.
A sesión pechouse cun chamamento á unidade e á mobilización da organización por parte do secretario xeral: “Temos proxecto, temos equipo e temos gañas. Agora toca seguir sumando, seguir escoitando e seguir construíndo desde cada agrupación o cambio que merece Ourense”.