O PSdeG-PSOE de San Cibrao critica os orzamentos de 2025 pola “insólita ausencia de infraestruturas públicas”

Critican ademais o salario da alcaldesa, Marta Nóvoa, de 55.453 euros anuais, “só é superado polo do alcalde da cidade de Ourense, situándose entre os 15 primeiros de Galicia”
Pleno-san-cibrao
Pleno do Concello de San Cibrao das Viñas
27 Nov 2024

O PSdeG-PSOE de San Cibrao votou en contra dos orzamentos presentados en pleno polo Partido Popular debido a “pobreza” de iniciativas e ao “conformismo” que reflicten. As e os socialistas poñen o foco en que nun municipio “tan pleno de posibilidades, as carencias de servizos son a tónica xeral en comparación con outros municipios con menos recursos que San Cibrao das Viñas”.

O municipio de San Cibrao, que se está achegando aos 6.000 habitantes e que conta nos seu territorio coa principal agrupación industrial da provincia de Ourense (polígonos de San Cibrao, Barreiros e o Parque Tecnolóxico de Galicia) “non dispón de escola de ensino infantil e primaria, de casa da cultura ou auditorio onde celebrar actos culturais, nin de centro de día ou residencia de maiores públicos para atender á veciñanza de máis idade”, apuntan dende o grupo municipal socialista.

Esta “insólita” ausencia de infraestruturas públicas foi salientada durante a súa intervención polo voceiro socialista, Rafael Rodríguez Villarino, para explicar porqué o PSdeG-PSOE non ía apoiar as contas do PP para a vindeira anualidade.

“Ademais destes motivos, tamén botamos en falta a ausencia dunha partida orzamentaria para o transporte metropolitano, nun municipio que é destino de milleiros de traballadores”, sinalou Rafa Villarino. O voceiro socialista tamén puxo o foco na negativa da alcaldesa a contemplar a solicitude dun PAC sanitario para a poboación residente e as traballadoras e traballadores que poidan accidentarse ou ter problemas de saúde polas tardes, que ata o de agora colapsan as urxencias do CHUO.

Por contra o PSdeG-PSOE de San Cibrao valorou “positivamente” a adaptación dun baixo para centro de saúde en Pontenoalla, que si se inclúe nos orzamentos, aínda que tal e como apuntan “resulta insuficiente a xuízo da mesma pois a rexedora descartou a mellora do centro de saúde do núcleo de San Cibrao e a petición do antedito PAC”.

As e os socialistas tamén puxeron o foco na “ineficacia” ao longo dos anos para solucionar os accidentes que acontecen no estreitamento da vía provincial que atravesa o núcleo de San Cibrao, o rexeitamento da alcaldesa para implantar un programa de apoio psicoemocional para as persoas maiores das diversas parroquias, e a negativa desta a contemplar sequera un sistema de orzamentos participativos tampouco contribuíron a achegar posicións na planificación económica do vindeiro exercicio.

“Esta inflexibilidade e a carencia de ambición semella pouco xustificable ao ter en conta a magnitude das dedicacións exclusivas dos populares, nomeadamente da alcaldesa, cuxo salario anual de 55.453,44 euros, só é superado polo do alcalde da cidade de Ourense, situándose entre os 15 primeiros de Galicia”, destacan dende o grupo municipal socialista en San Cibrao. As e os socialistas tamén apuntan a que “se engadimos os 39.536,56 euros de soldo do outro edil popular, ambos salarios suman case 95.000 euros (94.990,00  euros), sen contar o custe anual para as arcas municipais, que ascende ata 31.470,36 euros adicionais”. Por último, finalizan afirmando que “ben puideran ser tan ambiciosos para as veciñas e os veciños os mencionados edís do PP como o foron para o seu peto, conclúe o Grupo Municipal Socialista de San Cibrao”.

0.1768901348114