O PSdeG-PSOE logra a unanimidade da Deputación de Ourense para reclamar á Xunta a execución da Ronda Leste

OurenseXa
Completar esta circunvalación é “imprescindible para conectar coa A-52 o polígono de San Cibrao, o Parque Tecnolóxico de Galicia, o polígono do Pereiro e a futura estación de mercadorías”, sinala Álvaro Vila
grupo-provincial-socialista-ourense
26 Jun 2026

O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense conseguiu a aprobación por unanimidade de dúas mocións presentadas no pleno ordinario celebrado este 26 de xuño de 2026. As iniciativas foron defendidas polo voceiro provincial, Álvaro Vila, e pola deputada provincial, Eva Pérez Gamote, e céntranse na mellora das infraestruturas viarias e na coordinación do transporte público na provincia.

A primeira das mocións aprobadas reclama á Xunta de Galicia a execución dos tramos pendentes da Ronda Leste A-52/A-76 co obxectivo de dotar dunha conexión directa ao polígono industrial de San Cibrao das Viñas. Segundo explicou Álvaro Vila durante a súa intervención, completar esta circunvalación é “imprescindible para conectar coa A-52 o polígono de San Cibrao, o Parque Tecnolóxico de Galicia, o polígono do Pereiro e a futura estación de mercadorías”.

O voceiro socialista lembrou que o polígono de San Cibrao leva máis de cinco décadas de actividade e que a infraestrutura xa estaba recollida no Plan Sectorial da Rede Viaria da Xunta desde o ano 2014. Engadiu que o primeiro tramo foi executado en 2020, pero denunciou que o trazado actual “remata nunha glorieta en terra de ninguén e segue sen resolver os problemas de mobilidade da zona industrial”.

Durante o debate, Vila subliñou a importancia desta actuación para o tecido produtivo da provincia e para sectores como o empresarial e o do transporte. A iniciativa incorporou unha emenda do BNG, o que permitiu o seu respaldo unánime por parte da corporación provincial.

A segunda moción, defendida por Eva Pérez Gamote, insta á adaptación do transporte público por estrada á oferta ferroviaria da estación da Gudiña–Porta de Galicia, así como á creación dun sistema estable de coordinación entre autobús e tren. A proposta foi aprobada tamén por unanimidade.

Pérez Gamote destacou que a iniciativa busca garantir que a recuperación dos servizos ferroviarios vaia acompañada dunha planificación axeitada do transporte por estrada. “Unha estación ferroviaria só é útil cando a xente pode chegar a ela”, afirmou durante a súa intervención.

A deputada socialista puxo en valor os avances nas conexións ferroviarias coa Gudiña, aínda que advertiu de que continúan existindo carencias, como a falta de servizos durante fins de semana e festivos e a ausencia de conexión efectiva desde a comarca de Trives. “Non podemos falar dunha solución integral mentres unha parte do interior siga sen mobilidade pública efectiva”, indicou.

A moción aprobada recolle tamén a proposta de crear un protocolo estable de coordinación intermodal entre Xunta, Deputación, Renfe e concellos, de maneira que as modificacións nos horarios ferroviarios leven aparelladas actualizacións nos servizos de autobús.

Coa aprobación destas dúas iniciativas, o Grupo Provincial Socialista destacou o seu labor propositivo no pleno da Deputación de Ourense, centrado na mellora das infraestruturas, da mobilidade e do desenvolvemento económico e social da provincia.

0.14373302459717