O PSdeG-PSOE plantexa na Deputación de Ourense un reparto con criterios públicos do canon da auga

OurenseXa
A moción que se debaterá no pleno provincial propón que como mínimo a metade do recadado en cada municipio volva a el, que un 30 % se destine á solidariedade territorial e que un máximo do 20 % cubra os custos de xestión
Álvaro Vila, Eva Pérez Gamote
21 Sep 2026

O Grupo Provincial Socialista levará ao vindeiro pleno da Deputación de Ourense unha moción para pedir á Xunta de Galicia que implante un sistema público, regulado e transparente de reparto do canon da auga. Segundo o texto, o modelo tería que apoiarse en criterios obxectivos, verificables e equitativos.

A iniciativa, dada a coñecer este 21 de setembro de 2026, parte dunha pregunta que o voceiro provincial, Álvaro Vila Araújo, formula sen rodeos: "O canon da auga págase en todos os concellos. Págao a cidadanía. Pero a pregunta é moi sinxela: onde vai ese diñeiro?". Ao seu xuízo, é necesario acabar coa falta de transparencia e coa ausencia dun modelo regulado de distribución dos fondos.

Un tributo con destino concreto

Dende o grupo socialista lembran que o canon da auga e o canon da xestión das depuradoras son tributos propios da Xunta, de carácter finalista. É dicir, o recadado debe empregarse en financiar infraestruturas hidráulicas, mellorar a calidade das masas de auga e garantir unha xestión sostible do ciclo integral da auga.

Porén, denuncian que, unha vez que os fondos pasan á administración autonómica, "non existe un mecanismo que garanta que os recursos retornan aos territorios nos que se recadan de maneira proporcional e xusta".

Vila Araújo sostén que a natureza finalista deste tributo debe traducirse en xustiza territorial e corresponsabilidade. Os municipios que contribúen á recadación tería que recibir investimentos proporcionais, sen desatender por iso as necesidades dos concellos con máis dificultades. "Estamos falando dun tributo finalista. Non pode depender de convenios puntuais, nin de decisións discrecionais e, sobre todo, non pode depender da afinidade política dun concello coa Xunta", afirma.

A moción sinala que hai municipios cunha elevada achega recadadora que non recibiron investimentos significativos con cargo a estes fondos nos últimos anos, mentres que outros territorios contan cunha presenza reiterada de convenios e actuacións financiadas pola administración autonómica. Para o grupo socialista, esta situación alimenta a percepción de agravio comparativo e reforza a necesidade de fixar regras claras.

Tres porcentaxes para o reparto

O modelo proposto combina o retorno dos recursos aos municipios onde se recadan, a solidariedade territorial e o financiamento do propio sistema. En concreto, o grupo reclama que:

  • Como mínimo, o 50 % do recadado en cada concello se destine a investimentos no propio municipio.
  • Un 30 % se dedique a un mecanismo de solidariedade territorial, dirixido de forma prioritaria aos concellos con maiores necesidades de infraestruturas, dispersión poboacional ou limitacións orzamentarias.
  • Como máximo, un 20 % se reserve para custos de xestión, mantemento e funcionamento do sistema autonómico.

"Propoñemos algo tan sinxelo como necesario: criterios públicos, criterios obxectivos e criterios verificables", subliña Vila Araújo, que defende que os recursos se distribúan segundo as necesidades reais dos territorios e non por decisións discrecionais.

Informe anual e garantías fronte ao uso partidista

A moción tamén pide que a Xunta publique cada ano un informe detallado e desagregado por concellos. Ese documento recollería canto se recada en cada municipio, que investimentos se executan con cargo aos canons, que convenios se asinan e por que importes, e que criterios técnicos se empregan para asignar os fondos.

O obxectivo, explican, é que tanto os concellos como a cidadanía poidan coñecer con precisión a orixe e o destino dos recursos públicos. "Queremos tamén transparencia. Que cada ano se publique canto recada cada concello, canto se inviste, que convenios se asinan e con que criterios. Porque o diñeiro público non pode ter cores políticas", destaca o voceiro.

O texto insta ademais a garantir que a asignación dos recursos non estea condicionada por criterios partidistas nin por afinidades políticas, senón exclusivamente por parámetros técnicos, ambientais e de necesidade obxectiva.

"O que se recada nos concellos debe volver aos concellos"

O Grupo Provincial Socialista considera que a Deputación debe reclamar á Xunta un modelo que asegure un reparto xusto do obtido co canon da auga. Consideran que é especialmente necesario nunha provincia como Ourense, onde a dispersión poboacional e as necesidades de infraestruturas dos municipios obrigan a atender criterios de equilibrio territorial.

"O canon da auga debe servir para mellorar a auga, as infraestruturas e os servizos. E debe volver aos concellos con xustiza, transparencia e igualdade", afirma Vila Araújo, quen conclúe que por iso presentan a moción: "Porque o que se recada nos concellos debe volver aos concellos".

0.16063189506531