O PSdeG reclama información á Deputación de Ourense sobre as actuacións previstas ante a eclipse do 12 de agosto

OurenseXa
Os socialistas denuncian a “ausencia de iniciativas” do goberno provincial e piden medidas para aproveitar un fenómeno que situará Ourense como un dos mellores lugares de Europa para a súa observación
eclipse-solar
8 Jul 2026

O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense rexistrou unha solicitude de información para coñecer que actuacións ten previsto desenvolver o goberno de Luis Menor con motivo da eclipse total de sol do vindeiro 12 de agosto, ante o que cualifican como unha “absoluta ausencia de información e iniciativas” por parte da institución provincial.

As e os socialistas consideran que a Deputación “non pode permanecer de brazos cruzados” ante un acontecemento excepcional que converterá a provincia de Ourense nun dos mellores puntos de Europa para contemplar este fenómeno astronómico, que non volverá repetirse en Galicia ata o ano 2180.

O portavoz socialista no ente provincial, Álvaro Vila Araújo, afirma que “o máis preocupante non é só que non coñezamos ningunha iniciativa da Deputación, o realmente grave é que a día de hoxe a institución siga instalada na inacción mentres outras administracións levan meses traballando para aproveitar unha oportunidade histórica para os seus territorios”.

Desde o Grupo Provincial Socialista explican que a petición formal de información responde a que, ata o momento, non teñen constancia pública de campañas informativas, actividades divulgativas ou medidas de apoio aos concellos para preparar un evento que prevén que atraia milleiros de persoas a distintos municipios ourensáns.

Os socialistas poñen como exemplo a actuación da Deputación de Lugo, que xa conta cunha páxina web específica sobre a eclipse, con información práctica, programación de actividades, recomendacións de seguridade e unha campaña de distribución de 35.000 lentes homologadas e 45.000 dípticos informativos entre os concellos.

“Mentres noutras provincias entenden que este fenómeno é unha oportunidade para divulgar ciencia, dinamizar o territorio e promocionar os seus recursos turísticos, aquí a Deputación continúa desaparecida”, sinala Álvaro Vila.

O portavoz socialista lembra que Ourense conta con enclaves privilexiados para a observación da eclipse, como Trevinca ou a estación de montaña de Manzaneda, polo que considera “incomprensible” que o goberno provincial non estea liderando unha estratexia conxunta cos concellos e co sector turístico.

Na iniciativa presentada, o Grupo Socialista solicita información sobre as actividades previstas pola Deputación, a colaboración cos municipios afectados, a posible edición de material divulgativo e o reparto de lentes homologadas para garantir unha observación segura do fenómeno.

Álvaro Vila asegura que “aínda estamos a tempo de rectificar” e pide que a Deputación “estea á altura dun acontecemento histórico, que informe á veciñanza, que colabore cos concellos e que facilite materiais básicos como lentes homologadas para que todo o mundo poida desfrutar deste fenómeno con seguridade”.

“O peor que podería facer a Deputación sería deixar pasar unha oportunidade irrepetible para promocionar Ourense e apoiar aos municipios. Aínda quedan semanas por diante e esperamos que o goberno provincial abandone a súa pasividade e se implique como merece un evento destas dimensións”, conclúe o portavoz socialista.

0.13850116729736