O PSdeG reclama no Senado rigor científico fronte ás “improvisacións” do PP no debate sobre o termalismo

O senador do PSdeG-PSOE por Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, defendeu na comisión de Sanidade do Senado a necesidade de establecer un modelo termal “serio e viable” fronte ás que cualificou como “improvisacións” do Partido Popular no debate sobre a posible incorporación da balneoterapia á carteira común de servizos do Sistema Nacional de Saúde.
Durante a súa intervención, advertiu de que esta incorporación “esixe planificación rigorosa, evidencia científica e respecto ao marco legal sanitario”, en relación cos requisitos establecidos para modificar a carteira de prestacións sanitarias.
O senador socialista lembrou que a balneoterapia está actualmente fóra da carteira común do SNS segundo o Real Decreto 1030/2006 e sinalou que calquera cambio require informes técnicos, memoria económica e respaldo científico, conforme á normativa vixente.
Villarino apuntou tamén que o Partido Popular “coñece esta situación desde hai máis dunha década, xa que unha iniciativa semellante foi rexeitada en 2013 durante os gobernos de Mariano Rajoy en España e Alberto Núñez Feijóo en Galicia”, cando non se consideraron suficientes as evidencias científicas existentes.
Na súa intervención, afirmou que esa realidade “non cambiou substancialmente” debido ás limitacións da evidencia dispoñible e ás dificultades para estandarizar estes tratamentos dentro do sistema público.
Tamén criticou que o PP “recurra unha vez máis a Ourense como símbolo termal mentres continúa sen resolver os problemas reais do termalismo da cidade”, e referiuse a distintas cuestións pendentes na xestión dos recursos termais.
O senador socialista defendeu finalmente “un modelo termal serio, viable e con futuro para Ourense e para España, baseado na planificación, no investimento e na coordinación institucional”, e explicou que o grupo socialista optou pola abstención “por respecto, defensa e proxección de futuro do termalismo”, ao tempo que reclamou propostas “rigorosas, fundamentadas cientificamente e axustadas aos procedementos legais e económicos establecidos”.