O PSdeG reclama recuperar servizos sanitarios suprimidos na provincia de Ourense e un plan de reforzo dos hospitais comarcais

O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense presentou este domingo unha moción diante do Hospital Público de Verín na que esixe a recuperación de servizos sanitarios eliminados e a posta en marcha dun plan específico de reforzo dos hospitais comarcais da provincia. A iniciativa foi defendida pola deputada provincial Eva Pérez Gamote, acompañada polo voceiro e secretario provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila, ademais de representantes electos da comarca.
A formación socialista centra a súa denuncia no que considera un deterioro progresivo da sanidade pública no rural ourensán, tomando como exemplo o Hospital de Verín, pero estendendo a situación a outros centros comarcais como o de Valdeorras. Segundo sinalan, a supresión ou traslado de servizos está a debilitar a capacidade asistencial destes hospitais.
“Presentamos esta moción para defender os hospitais comarcais e a sanidade en toda a provincia de Ourense. Entendemos que o Hospital de Verín é un hospital necesario, o cal xa contaba cuns servizos, como era o do HADO (hospitalizacion a domicilio), unha Unidade da Dor e mesmo un cardiólogo, que xa non están”, defendeu Pérez Gamote, que tamén puxo o foco nas listas de espera en distintas especialidades e na carga asistencial que soporta a atención primaria.
O PSdeG-PSOE de Ourense fala dun “deterioro sen paliativos” dos servizos sanitarios. No caso de Verín, lembran que o HADO permanece interrompido desde 2020, que a Unidade da Dor foi derivada ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e que a praza de cardioloxía está vacante desde finais de 2024, o que estaría a xerar demoras importantes nas consultas. Tamén apuntan a situacións de saturación en especialidades como oftalmoloxía, neuroloxía, uroloxía e rehabilitación.
A formación socialista apoia parte das súas críticas en datos do Consello de Contas, que indican que o 35% das intervencións de traumatoloxía e o 62% dos tratamentos de hemodiálise na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras realízanse en centros privados. Ademais, o informe da Conta Xeral do SERGAS de 2024 recolle que case o 50% do persoal sanitario ten vinculación temporal e que as interinidades medraron un 13% nun ano, datos que segundo Pérez Gamote “non describen un problema conxuntural, senón un modelo de xestión que renunciou á estabilidade asistencial nos hospitais comarcais”.
O grupo socialista tamén lembra que, aínda que a xestión sanitaria é competencia autonómica, as institucións provinciais deben pronunciarse. Nese sentido, a deputada afirma que “a Deputación de Ourense non xestiona hospitais, mais ten a obriga política e ética de se posicionar con claridade na defensa dunha sanidade pública digna para toda a provincia”.
Por iso, o PSdeG-PSOE insta á Xunta e ao SERGAS a cubrir vacantes de forma estable, recuperar servizos como o HADO e a Unidade da Dor en Verín, reducir as listas de espera e reforzar a atención presencial fronte ao incremento das consultas non presenciais. Por último, reclama a elaboración dun plan específico para os hospitais comarcais galegos.