O PSdeG reclama reforzar o servizo de Urxencias do CHUO e denuncia falta de persoal

O Grupo Socialista no Parlamento de Galicia reclama á Consellería de Sanidade que reforce de maneira inmediata o servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), ao considerar que a situación actual compromete a súa capacidade asistencial.
A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta formulou esta demanda durante unha pregunta oral na Comisión de Sanidade, onde advertiu de que “non poden normalizar que un servizo esencial funcione cunha cobertura médica do 40 por cento”.
A parlamentaria criticou a xestión sanitaria da Xunta e asegurou que o actual escenario obriga aos profesionais a asumir “quendas imposibles, sobrecargas continuadas e situacións límite para evitar o colapso”, unha situación que atribuíu á “falla de planificación e previsión da Xunta durante anos”.
Na súa intervención, cuestionou tamén as actuacións anunciadas pola Consellería de Sanidade. “Anuncian estudos, anuncian reformas legais e anuncian medidas extraordinarias, pero o problema continúa”, afirmou, ao tempo que sinalou que a declaración de posto de difícil cobertura “non incorpora automaticamente nin un só médico ao CHUOU”.
Rodríguez Dacosta mostrouse especialmente crítica co anuncio do Sergas de realizar unha auditoría sobre a carga de traballo do servizo de Urxencias, unha iniciativa que cualificou de “meramente cosmética” e que, ao seu xuízo, “chega moi tarde, incompleto e cunha operatividade cuestionable”.
Segundo explicou, o estudo comezará no último trimestre deste ano, polo que as súas conclusións non estarán dispoñibles para incorporarse aos orzamentos de 2027. Ademais, sostivo que “en caso de dotar máis prazas sería imposible facelo no ano 2028”, polo que considera que calquera incremento de persoal non se produciría, como mínimo, ata 2029.
A deputada socialista acusou tamén ao Sergas de recorrer a esta auditoría mentres, segundo indicou, os profesionais levan anos advertindo da falta de persoal nun servizo que debe asumir tamén a presión derivada dos pacientes que non son atendidos nos prazos da atención primaria e dun Punto de Atención Continuada (PAC) que cualificou de “saturado”.
Para a parlamentaria, a situación da sanidade pública en Ourense é consecuencia dos “recortes do PP na última década” e da falta de planificación por parte da Xunta.