O PSdeG recoñece a Fademur Galicia e á investigadora Aurora Marco nos VII Premios de Igualdade

GaliciaXa | OurenseXa
A cita terá lugar este domingo en Ourense e contará coa participación de entidades e persoas vinculadas ao ámbito da igualdade e a investigación feminista
Lara-Méndez-Paloma-Castro-Natalia-González
4 Jun 2026

O PSdeG celebrará este domingo en Ourense a entrega dos VII Premios de Igualdade Maruja Vázquez Suárez, que nesta edición recoñecen o labor de Fademur Galicia e da investigadora e catedrática Aurora Marco.

Os galardóns levan o nome da mestra Maruja Vázquez Suárez, asasinada en 1936 por defender unha escola laica, igualitaria e aberta tamén ás nenas. Neste sentido, a secretaria xeral do PSdeG, Lara Méndez, subliñou que a elección do nome dos premios supón “unha forma de non esquecela e de lembrar que a igualdade da que falamos hoxe foi conquistada por mulleres que moitas veces non viviron para vela”. Tamén avanzou a intención do partido de impulsar en todos os concellos galegos unha moción para que a docente conte cun espazo público que leve o seu nome, afirmando que “lembrala de verdade non é só nomeala un día ao ano”.

A edición deste ano pon en valor, por unha banda, o traballo de Fademur Galicia, federación que agrupa asociacións de mulleres do rural e que cumpre vinte anos de traxectoria defendendo o papel das mulleres no sostemento do medio rural galego e a súa visibilización social e institucional.

Por outra banda, recoñécese a traxectoria de Aurora Marco, investigadora e escritora que leva décadas centrada na recuperación da memoria das mulleres galegas silenciadas pola historia oficial. Entre as súas achegas destacan obras como o Dicionario de mulleres galegas, As precursoras ou Mulleres na guerrilla antifranquista galega, ademais da súa participación no documental As silenciadas. Entre as figuras estudadas pola autora atópase precisamente Maruja Vázquez Suárez.

No acto de presentación, a portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Paloma Castro, situou estes premios dentro do compromiso político coa igualdade e advertiu de que persisten desigualdades como a fenda salarial, o desemprego feminino ou a violencia machista. Segundo indicou, “o feminismo non é unha etiqueta que sacamos en marzo e gardamos en abril, senón unha forma de entender o que facemos durante todo o ano”.

Pola súa parte, a responsable de Igualdade da Executiva Nacional Galega, Natalia González, incidiu na importancia de preservar a memoria histórica das mulleres e advertiu de intentos de retroceso, sinalando que “hai quen quere reescribir o pasado para borrar a estas mulleres outra vez”.

A entrega dos galardóns desenvolverase no marco dun acto aberto ao público no Pavillón dos Remedios de Ourense.

0.1482310295105