O PSOE de Barbadás pide un protocolo municipal que garanta a presenza de toda a corporación nos actos institucionais

OurenseXa
O grupo socialista levará ao pleno do vindeiro luns unha moción para modificar o Regulamento Orgánico Municipal e incorporar normas que aseguren a participación plural de todos os representantes en actos e visitas oficiais
victoria-morenza-psoe-barbadas
31 Aug 2026

O PSdeG-PSOE de Barbadás presentará no pleno municipal do luns 7 de setembro unha moción para modificar o Regulamento Orgánico Municipal (ROM) do Concello co obxectivo de introducir un protocolo que ordene a celebración de actos e visitas institucionais, garantindo que toda a corporación poida participar neles de forma plural.

Para as concelleiras socialistas, a imaxe institucional dun concello "debe estar baseada nos principios de transparencia, equilibrio, pluralidade e cortesía institucional, evitando situacións de improvisación ou decisións que poidan excluír aos representantes municipais elixidos pola veciñanza". Con ese enfoque, o grupo municipal socialista propón incorporar ao ROM unhas normas básicas que fixen como debe procederse en actos públicos, institucionais, inauguracións, recepcións e visitas oficiais.

A voceira socialista, Victoria Morenza Doforno, sinalou que a petición non busca ningún privilexio para a oposición, senón "algo tan básico como respecto institucional e respecto polos resultados electorais". Ao seu xuízo, cando se celebra un acto oficial ou ten lugar unha visita institucional relacionada con obras ou actuacións financiadas con fondos públicos, toda a corporación debería telo coñecemento e posibilidade de participar, independentemente de quen goberne no municipio.

Unha axenda institucional que a oposición di descoñecer

O PSdeG-PSOE sostén que o actual ROM de Barbadás carece dun protocolo que regule estas situacións, o que na práctica se traduce nunha axenda institucional á que os membros da corporación non teñen acceso habitual. A moción defende que os representantes municipais teñen dereito a coñecer os actos oficiais que se celebren no municipio e a ser informados e convocados ás visitas institucionais.

Morenza advertiu de que "un concello non pode funcionar con normas non escritas que se aplican segundo o interese do momento" e xustificou a proposta como unha forma de evitar interpretacións, exclusións e decisións arbitrarias, mediante un protocolo aprobado e incluído no ROM que fixe regras claras para todos.

A proposta socialista propón ademais que as visitas de representantes doutras administracións para coñecer obras ou actuacións financiadas con fondos públicos inclúan a invitación a todos os membros da corporación, como exercicio de cortesía institucional, pluralidade democrática e transparencia.

Dous exemplos recentes

Para ilustrar o que consideran unha práctica habitual, os socialistas citan na súa moción dúas visitas institucionais celebradas nos últimos meses. O 20 de xullo, o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, visitou a exposición permanente sobre a figura de Carmen Martín Gaite e a súa vinculación con Barbadás, instalada no local social de Piñor e financiada con fondos públicos; segundo a moción, ademais de membros do goberno municipal, asistiron a voceira do PP, Consuelo Vispo, e o concelleiro popular Ramón Lloves.

Posteriormente, o 18 de agosto celebrouse unha visita institucional para coñecer o estado das obras de ampliación do polideportivo, coa presenza do conselleiro de Presidencia, Diego Calvo; a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado da Xunta, Manuel Pardo, ademais dos concelleiros do PP Roberto Fernández e Ramón Lloves.

Morenza subliñou que a corporación de Barbadás está formada por 17 representantes de diferentes sensibilidades políticas, polo que, na súa opinión, "a imaxe institucional do concello non pode confundirse coa imaxe dun determinado partido nin dun determinado goberno", xa que os actos oficiais son actos do concello e deben representar ao conxunto da cidadanía.

"Regras iguais para todos"

A voceira socialista insistiu en que a iniciativa busca normalizar o funcionamento institucional do concello e evitar que a participación nos actos oficiais dependa da vontade do goberno municipal de quenda, apostando por regras claras, coñecidas e aplicables a todos, "por riba das circunstancias políticas de cada momento".

En concreto, a moción propón dous acordos: modificar o ROM para incorporar un protocolo que estableza, entre outras cuestións, que os membros da corporación deben ser invitados ou convocados aos actos e visitas institucionais e oficiais, así como regular a liña de saúdo nos actos oficiais; e que o ROM recoñeza de forma expresa o dereito da oposición a ser informada dos actos, visitas oficiais, inauguracións e demais eventos relevantes que teñan lugar no municipio.

A voceira do PSdeG-PSOE en Barbadás concluíu expresando o seu desexo de que o resto de grupos entendan que a proposta non responde a cores políticas, senón a calidade democrática e respecto institucional.

0.15670204162598