O PSOE de Ourense axuda a familias de retornados a recuperar pensións alemás bloqueadas por un erro administrativo

A Secretaría Provincial de Migracións do PSdeG-PSOE de Ourense vén de intervir con éxito na resolución dun caso que afectaba a varias familias de emigrantes retornados de Alemaña residentes en Estremadura, que levaban meses sen percibir as súas pensións de xubilación e viuvez debido a un erro administrativo derivado dun cambio na numeración das vivendas.
Segundo explican, os concellos nos que residen as persoas afectadas modificaron recentemente a numeración das rúas, o que provocou que a correspondencia enviada pola Seguridade Social alemá ás direccións antigas fose devolta por Correos ao constatar que xa non figuraban destinatarios neses enderezos. Esta situación derivou no bloqueo dos pagamentos das pensións desde comezos de ano.
O problema resolveuse mediante a comunicación directa por correo electrónico ao organismo pagador alemán, Deutsche Post, informando da nova numeración das vivendas, o que permitiu restablecer os pagamentos pendentes. As persoas afectadas comezaron a recibir a comezos deste mes as pensións atrasadas desde xaneiro.
A secretaria provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense, Tere Barge Dapía, explicou que “se antes a persoa vivía no bloque de vivendas número 22 e agora ten o 15, é obvio que o persoal de Correos ten que certificar que no 22 antigo non reside o destinatario”, subliñando que se trataba dun problema “estritamente administrativo”.
A responsable reiterou ademais a disposición da Secretaría Provincial de Migracións para “atender consultas, resolver dúbidas e estudar cada caso de maneira individualizada, especialmente naqueles supostos nos que, polos baixos ingresos, poida existir exención de tributación en Alemaña”.
Nos últimos días, o organismo está a atender tamén novas consultas de persoas retornadas de Alemaña que recibiron comunicacións e requirimentos da Axencia Tributaria alemá por posibles débedas do IRPF relacionadas coas pensións percibidas desde o ano 2019, con cantidades que oscilan entre os 2.500 e os 4.000 euros.
Desde o PSdeG-PSOE de Ourense lémbrase que a lexislación tributaria alemá establece unha prescrición de 7 anos no caso das pensións, e que no momento de acceder a unha pensión alemá existe a obriga de comunicar a situación á autoridade fiscal competente para residentes no exterior, o Finanzamt Neubrandenburg.
Así mesmo, sinálase que, no caso de contribuíntes con obrigas de declaración en España, só se poden regularizar as declaracións correspondentes aos exercicios 2022 a 2025 no marco da dobre imposición internacional.