O PSOE de Ourense leva ao Pleno propostas para minimizar o impacto da Variante Norte e impulsar a cidade como referente literario

O Grupo Municipal Socialista de Ourense presentará no Pleno ordinario do mes de agosto dúas mocións centradas en mellorar a calidade de vida da veciñanza e potenciar novos proxectos de carácter estratéxico para a cidade. As iniciativas poñen o foco, por unha banda, na execución da Variante Norte e na planificación dos futuros usos do antigo Centro de Interpretación de Parques Naturais de Quintela de Canedo e, pola outra, na creación dun plan municipal que converta Ourense nun referente cultural a través da literatura.
Desde o PSOE explican que ambas propostas nacen do contacto directo coa cidadanía e do diálogo cos colectivos implicados. Segundo sinalan, a súa acción política busca trasladar ao Pleno iniciativas que dean resposta ás necesidades actuais da cidade e que contribúan ao seu desenvolvemento a medio e longo prazo.
A primeira moción recolle as demandas formuladas por residentes de Quintela de Canedo, Eirasvedras, Tarascón e O Pino durante os encontros mantidos pola portavoz socialista, Natalia González. As socialistas consideran que a Variante Norte suporá unha transformación importante para a mobilidade de Ourense, pero defenden que a execución das obras debe realizarse reducindo ao máximo as molestias para os barrios afectados.
Entre as medidas propostas figura a creación, sempre que sexa posible desde o punto de vista técnico e legal, dun itinerario peonil provisional que garanta o acceso á zona termal durante os traballos. Tamén reclaman actuacións de calmado do tráfico e un reforzo da seguridade viaria na estrada N-120 mentres duren as obras.
Outro dos puntos destacados da iniciativa é a apertura dun proceso participativo entre administracións e veciñanza para decidir o destino da parcela que ocupa o antigo Centro de Interpretación de Parques Naturais de Quintela de Canedo. O obxectivo é aproveitar a restauración ambiental prevista para habilitar novos espazos verdes, unha zona de estacionamento e outras dotacións de uso público que dean resposta ás necesidades da contorna.
A segunda moción propón situar a literatura como un dos piares das políticas culturais municipais mediante a elaboración do plan "Ourense, Cidade da Literatura". A iniciativa pretende impulsar unha estratexia estable para fomentar a lectura, apoiar o sector editorial e difundir o patrimonio literario da cidade.
O proxecto inclúe a participación de librarías, bibliotecas, centros educativos, editoriais e asociacións culturais na elaboración do plan, así como a organización de encontros literarios nos barrios, campañas de apoio ao comercio libreiro, actividades de promoción da lectura entre a infancia e a mocidade, a análise da viabilidade dun festival literario anual e a creación dun espazo municipal dedicado aos autores e autoras ourensáns.
O Grupo Socialista considera que o importante legado literario de Ourense constitúe un recurso cultural e económico que debe ser aproveitado mediante políticas públicas estables, reforzando así a identidade da cidade e a súa proxección no ámbito das letras.