O PSOE de Ourense pide reforzar o Plan de Emerxencias con novos protocolos fronte á calor extrema e aos incendios

OurenseXa
A formación reclama actualizar o documento municipal á normativa vixente, crear unha rede de espazos climáticos de refuxio e ampliar as garantías para os colectivos con maior vulnerabilidade ante situacións de risco
natalia-gonzalez-psoe-ourense
Imaxe de arquivo
16 Nov 2026

O Concello de Ourense tramita neste momento o seu Plan de Emerxencias Municipal (PEMU), un documento ao que o grupo socialista trasladou un paquete de once propostas de mellora centradas en tres grandes bloques: a prevención de riscos, a atención ás persoas con maior vulnerabilidade e os mecanismos para que o plan se traduza nunha resposta operativa real cando sexa necesario.

A iniciativa socialista non parte de cero. Xa en 2025, o grupo conseguira sacar adiante no Pleno unha moción na que pedía ao Goberno local a elaboración dun instrumento deste tipo para a cidade. Agora, co documento xa en marcha, o seu papel pasou da reivindicación inicial á análise técnica, revisando o contido do plan para sinalar aqueles aspectos que, ao seu xuízo, poden perfeccionarse.

Un dos puntos das alegacións apunta á necesidade de actualizar o documento conforme á normativa estatal máis recente en materia de Protección Civil, que en 2026 incorporou novas directrices sobre fenómenos meteorolóxicos extremos, incendios forestais, inundacións e transporte de mercadorías perigosas.

Vinculado ás altas temperaturas, os socialistas propoñen dotar á cidade dun protocolo propio fronte ás vagas de calor. A proposta pasa por habilitar puntos de hidratación e, sobre todo, por poñer en marcha unha rede de refuxios climáticos municipais con localizacións, horarios de apertura e persoal responsable perfectamente definidos de antemán.

A atención aos colectivos máis expostos é outro dos eixes das alegacións. O grupo reclama protocolos diferenciados para persoas maiores que vivan soas, persoas con discapacidade ou en situación de dependencia, persoas sen fogar e outros colectivos con especiais dificultades para reaccionar ante unha emerxencia. A isto súmase a petición de reforzar os sistemas de alerta á poboación, de xeito que cheguen por distintas canles e con mensaxes comprensibles tamén para persoas con discapacidade auditiva, visual ou cognitiva, unha demanda que os socialistas vinculan aos fenómenos meteorolóxicos adversos vividos recentemente no conxunto do país.

No terreo da prevención de incendios, as alegacións inciden na importancia de definir con antelación como se evacuarían os núcleos con maior risco forestal: que vías de saída e rutas alternativas existen, que puntos poden considerarse seguros e que obstáculos poderían atopar os equipos de emerxencia para acceder ás zonas máis expostas. Nesa mesma liña de anticipación, proponse a elaboración dun mapa dixital de consulta pública con información sobre riscos, centros de acollida e recomendacións básicas de autoprotección, sempre sen expor datos sensibles.

O documento tamén debería prever, segundo as alegacións, como seguirían funcionando os servizos municipais en caso de que a propia emerxencia afectase ás infraestruturas: cortes de luz, caídas das telecomunicacións ou incidentes informáticos graves son algúns dos escenarios para os que piden sistemas de respaldo. A isto engádese unha proposta sobre grandes eventos, para que as súas condicións de seguridade se revisen se cambian factores como o tempo, os accesos ou o aforo previsto xusto antes da súa celebración.

Boa parte das propostas, non obstante, xira en torno á preparación material e humana do dispositivo de emerxencias. Os socialistas insisten en que os pavillóns e outras instalacións previstas como centros de acollida deben ter comprobada de antemán a súa capacidade real, a súa accesibilidade e o seu equipamento, de xeito que non haxa sorpresas no momento en que efectivamente se necesiten. Xunto a isto, piden que cada ano se elabore unha memoria de seguimento sobre a aplicación do plan, que recolla os simulacros realizados, a formación impartida, as incidencias rexistradas e as melloras incorporadas, cunha versión de carácter público para aquela información que non comprometa a seguridade.

A candidata do PSOE á Alcaldía, Natalia González, resumiu a filosofía das alegacións apelando á anticipación como principio básico de calquera plan deste tipo: ao seu xuízo, non ten sentido empezar a deseñar unha ruta de evacuación cando o lume xa está próximo, como tampouco o ten comprobar en plena emerxencia que un centro de acollida non reúne as condicións necesarias.

González insistiu en que un documento destas características só ten sentido se se acompaña de medios reais: persoal formado, servizos preparados e recursos suficientes para protexer á poboación. Por iso, subliñou que o seu grupo seguirá presentando propostas cunha actitude construtiva, porque o verdadeiro reto non é dispor dun plan sobre o papel, senón que ese plan funcione cando a cidade realmente o necesite.

0.16728401184082