O PSOE de Ourense reclama no pleno un balance real e transparente das contas municipais

OurenseXa
O grupo socialista levará unha moción ao vindeiro pleno para pedir claridade sobre a situación económica municipal, o uso do remanente de tesouraría e o pagamento pendente a provedores locais
natalia-gonzalez-psoe-pleno-concello-ourense
2 Sep 2026

O Grupo Municipal Socialista de Ourense presentará o vindeiro venres ao pleno unha moción coa que pretende garantir a sustentabilidade económica, a transparencia e a planificación estratéxica da cidade na recta final do mandato. A voceira do grupo, Natalia González Benéitez, pediu ao goberno local que revise a fondo e faga públicas as contas municipais, cuestionando o discurso oficial que presenta as obras en marcha como sinónimo de boa xestión.

Dende o PSOE sosteñen que Ourense atravesa unha situación económica complicada como consecuencia da dificultade do equipo de goberno para sacar adiante contratos esenciais e organizar a actividade municipal. Segundo denuncian, o executivo leva tempo recorrendo en exceso ao remanente de tesouraría acumulado, mantén as principais concesións en situación provisional e viu medrar a morosidade, cun prazo medio de pagamento a provedores que cualifican de insostible.

A voceira socialista salientou que existe unha distancia notable entre anunciar unha actuación e levala realmente a cabo, executala, recibila e aboala. Como mostra desa desconexión, a moción menciona a instalación de puntos de carga para bicicletas eléctricas que non contan nin con bicicletas nin con subministro eléctrico, ao non teren licitado o servizo xunto coa compra do equipamento.

A este problema de planificación súmase a precariedade que arrastran servizos básicos como a auga, o saneamento, a limpeza e recollida de residuos —sen partida orzamentaria para formalizar o contrato— ou o transporte urbano, actualmente recorrido ante o tribunal de contratación. Dende o grupo municipal advirten de que os veciños pagan máis por estes servizos sen percibir melloras e con subas que non teñen en conta criterios de vulnerabilidade social.

Cinco acordos para fiscalizar a xestión económica

Para evitar comprometer o futuro da cidade máis alá de 2027, os socialistas piden ao pleno que aprobe cinco medidas concretas para fiscalizar a xestión económica municipal. En primeiro lugar, reclaman que antes do 31 de outubro de 2026 se publique o detalle de todas as obras superiores a 100.000 euros iniciadas neste mandato, especificando orzamento, financiamento externo e grao de execución. En segundo lugar, esixen que se dea a coñecer o balance das modificacións de crédito financiadas con remanente de tesouraría aprobadas dende xuño de 2023.

Así mesmo, piden que se priorice de forma inmediata o pagamento das obrigas pendentes con autónomos, pemes e provedores locais que están a sostener cos seus propios recursos os atrasos do Concello. A iso suman a petición de facer pública a relación de servizos municipais que continúan a prestarse sen un contrato ordinario en vigor, xunto coa débeda acumulada que arrastran. Por último, solicitan incorporar ao Portal de Transparencia un visor que permita distinguir con claridade entre as actuacións que están anunciadas, contratadas, iniciadas, executadas, recibidas e efectivamente pagadas na súa totalidade.

González Benéitez concluíu que unha administración con liquidez que tarda en pagar non ten un problema de solvencia, senón un problema moral e de xestión, e defendeu que non resulta aceptable que sexan os autónomos, as pequenas empresas e os provedores locais quen terminen adiantando do seu peto as dificultades e o desorde administrativo do Concello mentres agardan por cobrar uns cartos que lles corresponden.

0.15838813781738