O PSOE de Ourense rexeita no pleno o alumeado de Nadal e a futura normativa da piscina das Burgas

O grupo municipal socialista de Ourense votou en contra, durante o pleno celebrado este luns, de dous asuntos incluídos na orde do día: o levantamento do reparo relacionado co contrato do alumeado de Nadal e a nova ordenanza que regulará o uso da piscina termal das Burgas.
En relación co alumeado de Nadal, a concelleira socialista María Fernández Ojea criticou o xeito en que o goberno local xestionou este contrato ao longo dos últimos anos. Segundo explicou, a licitación púxose en marcha en 2024 partindo dun orzamento elaborado en 2020, o que provocou que inicialmente non houbese crédito suficiente para afrontar o gasto das luces. Engadiu que, a pesar diso, se considerou válido, con informes técnicos favorables, dispor unicamente do crédito correspondente á anualidade en curso, que en 2025 ascendía a 19.000 euros, deixando máis de medio millón de euros pendente para o exercicio seguinte. Precisou ademais que, no momento da licitación, contábase con 200.000 euros, sumando toda a bolsa de vinculación dispoñible.
A edil socialista lamentou que resulte difícil de entender para a veciñanza que o alumeado de Nadal continúe sen pagarse mentres xa se están a preparar as instalacións correspondentes a este ano. "É impresionante que durante 4 anos de goberno sexan incapaces de realizar ben o único contrato que lles interesa porque xa viñemos 5 veces a este pleno por este contrato", afirmou.
Fernández Ojea subliñou tamén que as decisións adoptadas polo goberno municipal deben quedar debidamente reflectidas nos expedientes administrativos correspondentes, xa que, ao seu xuízo, calquera irregularidade nese sentido acaba repercutindo na cidadanía. Por este motivo, anunciou que o PSOE non podía respaldar o levantamento do reparo formulado.
Respecto da ordenanza que regulará a xestión da piscina termal das Burgas, a voceira socialista e candidata á Alcaldía, Natalia González Benéitez, sinalou que as modificacións incorporadas ao documento inicial non resolven dúas cuestións que a súa formación considera fundamentais. A primeira delas é o prezo de acceso, fixado en 7 euros por un baño de 2 horas, unha tarifa que, ao seu xuízo, resulta elevada en función de quen deba asumila. "Para unha familia traballadora de Ourense ir pasar un rato ás termas non debería ser un luxo", declarou.
En segundo lugar, González Benéitez insistiu en que o PSOE defendeu sempre que a xestión destas instalacións, por tratarse dun recurso patrimonial da cidade, debería ser pública e directa. A candidata socialista criticou que, na súa opinión, se prioriza sistematicamente a rendabilidade económica dos recursos da cidade e o seu atractivo turístico, deixando nun segundo plano a súa función como recurso para quen reside en Ourense durante todo o ano.