O PSOE de Pontedeva traslada á Fiscalía presuntas irregularidades na xestión municipal de terreos e camiños públicos

O PSdeG-PSOE de Pontedeva remitiu á Fiscalía Provincial de Ourense un escrito no que expón unha serie de feitos que, segundo a agrupación, poderían constituír irregularidades vinculadas á actuación do actual rexedor do concello, o popular Juan Carlos González Carbajales, en relación con diversas actuacións levadas a cabo desde o Concello.
Segundo explicou o voceiro socialista, Antonio Vázquez Ferreira, a comunicación presentouse ante a Fiscalía o pasado 23 de xullo, ao entender que existen indicios abondo como para que sexan revisados polos organismos competentes. O escrito recolle, entre outras cuestións, posibles anomalías administrativas, unha eventual deixación na persecución de determinados feitos e circunstancias vinculadas á adquisición de terreos con destino industrial. Tamén se inclúe a situación dun camiño público na localidade de Trado, que tería sido pechado de forma irregular —con coñecemento do alcalde— mediante un valado colocado por un particular, o que impediría na actualidade o acceso a unha fonte de uso público.
Desde o partido subliñan que a súa decisión de acudir á Fiscalía responde unicamente ao propósito de velar polo cumprimento da legalidade e por que o interese xeral prevaleza sobre calquera interese particular. O voceiro socialista destaca que non se trata dunha cuestión persoal nin de enfrontamento político, senón dun asunto que ten que ver co xeito en que se xestionan os bens e recursos municipais e con se todos os veciños reciben igual trato por parte da Administración local.
Vázquez insistiu en que, ante calquera indicio de irregularidade, corresponde á Fiscalía e ás autoridades competentes determinar se existe ou non responsabilidade, deixando claro que o seu grupo non pretende substituír o labor de xuíces nin fiscais, senón cumprir coa súa función como oposición trasladando aos organismos pertinentes aquilo que consideran que merece ser esclarecido.
O PSOE pide explicacións sobre a xestión do Concello
O voceiro socialista defende que a actuación municipal debe rexerse en todo momento polos principios de legalidade, transparencia e igualdade, especialmente cando están implicados terreos, infraestruturas ou bens de titularidade pública. Considera que as decisións municipais non poden depender de quen resulte beneficiado ou afectado por elas, e que as normas deben aplicarse de xeito uniforme para toda a cidadanía, á marxe da súa situación persoal.
Neste sentido, a agrupación socialista reclama que se aclaren con precisión as circunstancias que rodean as decisións municipais adoptadas en relación coa zona de Trado, e pide que se verifique se os trámites seguidos se axustaron á normativa aplicable.
O PSdeG-PSOE de Pontedeva asegura que continuará exercendo un labor de oposición fiscalizadora, comprometida coa defensa dos intereses do conxunto da veciñanza, e reitera a súa intención de seguir dando traslado de calquera situación que, ao seu xuízo, requira ser aclarada, priorizando sempre a legalidade e o interese público do municipio.