O PSOE denuncia que os orzamentos da Xunta repiten para Ourense promesas incumpridas dende hai anos

GaliciaXa | OurenseXa
O partido asegura que as novas contas volven incluír proxectos xa anunciados en exercicios anteriores, como o plan director do CHUO ou a circunvalación leste, sen que se cumprisen os compromisos previos
Carmen Rodriguez Dacosta
Imaxe de arquivo
20 Oct 2026

A deputada autonómica do PSdeG-PSOE de Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, criticou os orzamentos presentados pola Xunta de Galicia para a cidade, aos que acusa de reproducir, un ano máis, unha serie de anuncios que levan tempo sen se traduciren en actuacións concretas.

Segundo denuncia, entre as partidas que volven aparecer están o plan director do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), a circunvalación leste e as melloras de acceso ao hospital, proxectos que, ao seu xuízo, se repiten exercicio tras exercicio sen chegaren a executarse.

A deputada socialista sinala ademais que as novas contas volven reservar 2 millóns de euros para a construción da nova sede da Xunta na cidade, a mesma cantidade que xa figuraba nos orzamentos do ano anterior.

Fronte a estes anuncios, Rodríguez Dacosta reclama explicacións sobre outras actuacións pendentes, como os centros de saúde do século XXI e o de Mariñamansa, e pregunta cantos anos máis deberán esperar os veciños e veciñas para velos feitos realidade.

A deputada tamén pon o foco no termalismo, e cuestiona que unha cidade con potencial neste ámbito siga sen contar cunha aposta decidida por parte da Xunta. A esta lista de reclamacións suma o transporte metropolitano e as instalacións deportivas, que segundo denuncia levan anos sendo demandados sen resposta.

Para a representante do PSdeG-PSOE, o problema da cidade non é a falta de promesas, senón a falta de compromisos cumpridos. Neste sentido, sostén que os orzamentos non están pensados para resolver os problemas da cidadanía, senón para reforzar as contas da Xunta e repetir os mesmos anuncios de sempre.

Rodríguez Dacosta diríxese directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao que traslada que Ourense non precisa máis propaganda, senón investimentos reais e o cumprimento do prometido.

0.15956783294678