O PSOE denuncia un déficit de case 4.900 euros na Carreira Popular de Leiro

O PSdeG-PSOE de Leiro fixo público o seu análise das contas correspondentes á 42ª edición da Carreira Popular do municipio, tras coñecerse que a liquidación final do evento amosa un déficit de 4.855,87 euros que terá que ser cuberto con recursos do Concello.
Segundo explican desde a formación socialista, a proba partía dun orzamento inicial de 10.695 euros, pero o gasto final elevouse ata os 13.529,87 euros, o que provocou ese desaxuste económico que, ao seu xuízo, acaba recaendo sobre o conxunto da veciñanza.
O concelleiro Manuel Rodríguez Vázquez sinalou que esta situación reflicte, na súa opinión, "unha forma de gobernar baseada en gastar sen planificación e sen preocuparse polo retorno que ese gasto debe ter para Leiro". O edil socialista quixo deixar claro que a súa formación non cuestiona a existencia da carreira, da que se mostran orgullosos por tratarse dunha cita deportiva con máis de catro décadas de historia, senón o xeito en que se está a xestionar: "O que non podemos aceptar é que o goberno do PP sexa incapaz de xestionar correctamente un evento consolidado, xere un déficit de case 4.900 euros e, ao mesmo tempo, non sexa capaz de facer que ese gasto repercuta no comercio e na hostalería do noso municipio", afirmou.
Reparto do gasto entre empresas de fóra do municipio
O desglose dos pagamentos realizados para a organización da proba amosa que boa parte dos recursos foron parar a empresas e entidades alleas a Leiro. Entre as partidas máis destacadas figuran 3.393,75 euros aboados a Als Sport Project Event, S.L. por material téxtil e camisetas; 2.418,79 euros a Inforsonic Sistemas S.C. polo sistema audiovisual e a montaxe técnica; e 2.031,78 euros a Multisports Galicia S.L.U. pola xestión das inscricións, empresa que ademais recadou 3.634 euros en concepto de taxas dos participantes.
A estas cantidades súmanse 975,20 euros aboados á Federación Galega de Atletismo, 786,50 euros a Badal Novas, S.L. por servizos publicitarios, 726 euros a Especialistas Hípica Celta S.L.L. por animación musical infantil e 650 euros a Servicios Sanitarios do Ribeiro S.L. pola cobertura sanitaria do evento. A liquidación inclúe tamén outros pagamentos destinados a deseño gráfico, obsequios institucionais, caixas de madeira e servizos de animación e locución.
Rodríguez Vázquez considerou que, con este reparto de gasto, "os veciños pagan dúas veces": primeiro cando se solicita a súa colaboración económica para sacar adiante a proba e, despois, a través dos seus impostos, cando teñen que asumir o desfase que deixa a xestión municipal. O concelleiro socialista cualificou de especialmente grave que se pida a autónomos e empresarios locais que colaboren economicamente mentres, segundo a súa valoración, o Concello non logra deseñar un evento que devolva unha parte relevante dese esforzo á economía do municipio.
Cuestionamento sobre o aproveitamento económico para o comercio local
O tamén concelleiro Pedro José González expuxo que o problema vai máis alá do desfase económico e apunta, na súa opinión, a unha falta de planificación de fondo no modelo de xestión municipal. Segundo explicou, un evento que congrega deportistas, familias e visitantes debería supor unha oportunidade relevante para a actividade de bares, restaurantes, comercios e demais establecementos do municipio, algo que, ao seu entender, non se está aproveitando na actualidade.
González criticou ademais que a actividade da carreira se concentre na zona do Salgueiral sen buscar fórmulas que integren o casco urbano no desenvolvemento do evento. O edil matizou que non propón renunciar a ese espazo nin ás facilidades loxísticas que ofrece, senón introducir cambios que permitan trasladar ao centro do municipio elementos como a saída, a meta ou actividades complementarias, mantendo no Salgueiral o dispositivo loxístico. Ao seu xuízo, se se conseguise que os participantes e acompañantes pasasen polo centro de Leiro e consumisen nos seus establecementos, o gasto público xeraría un retorno económico real para o municipio.
Petición de transparencia sobre as achegas
O PSdeG-PSOE reclamou tamén máxima transparencia en relación coas achegas voluntarias recibidas para colaborar coa organización da proba, que segundo os datos achegados pola formación superan os 2.000 euros. Os socialistas pediron que todas as cantidades recadadas e gastadas queden debidamente fiscalizadas e sexan coñecidas pola veciñanza, subliñando que, cando se trata de diñeiro público e de achegas cidadás, débese coñecer con claridade canto se ingresa, canto se gasta e que retorno económico produce para o municipio.
Desde o grupo municipal socialista sinalaron que a Carreira Popular debería representar un motivo de orgullo para Leiro e non un problema para as contas municipais, e situaron este caso como un exemplo máis do que consideran necesidade dun cambio na xestión do Concello. A formación trasladou o seu compromiso de implantar, se obtén o respaldo veciñal nas eleccións municipais de maio de 2027, un modelo de xestión que cualifican de rigoroso e transparente, orientado a que cada euro de gasto público teña o maior retorno posible para o municipio.