O PSOE levará ao pleno unha iniciativa para promover a transparencia no Concello de Ourense

OurenseXa
“O acceso á información pública e as normas de bo goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política”, explica a edil do PSdeG María Fenández
Concello_Ourense_recurso
Concello de Ourense
29 Xuño 2024

“A transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política. Se a cidadanía coñece como se toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que criterios actúa o goberno municipal, se empeza a responder a unha sociedade crítica, esixente e que demanda participación na toma de decisións”, comezan explicando as e os socialistas na moción que defenderán no pleno ordinario de xullo.

Mais tamén é importante que a oposición poida exercer un labor de fiscalización axeitado e coñecer o traballo que realiza o goberno. Por ese motivo, entre os puntos de acordo da iniciativa inclúese instar ao executivo local á elaboración e aprobación dunha Ordenanza reguladora de transparencia, acceso á información pública e reutilización de datos.

“Hoxe en día, Democracia Orensana non está a facilitar a información de xeito correcto e accesible para que o resto de grupos municipais poidamos exercer os nosos dereitos de participación. Polo tanto, presentamos unha moción para poñer remedio a esta situación e rematar co escurantismo co que actúan”, expón a edil do PSdeG María Fernández Ojea.

Así mesmo, reclaman no texto que dita información estea actualizada e se implementen os cauces de participación da cidadanía nas políticas públicas. “Sen esquecer os problemas da fenda dixital, e priorizando a atención ás persoas, deben de pórse en marcha plans e programas para aqueles trámites que se poden realizar a través de internet por parte da veciñanza da cidade, así como calquera terceiro, que dende o ano 2013 ten dereito a relacionarse ‘on line’ coa administración”, expón a edil e secretaria de Función Pública e Xustiza da Comisión Executiva Nacional Galega do partido. E neste senso, a moción solicita, ademais, que o goberno municipal promova un plan de dixitalización do Concello de Ourense para ampliar ditos trámites.

“Se consultamos o dicionario da RAE lemos que transparencia é algo claro, evidente, que se comprende sen dúbida, nin ambigüidade. É dar información comprensible sen adornos innecesarios que poidan xerar dúbida. Non é encher ‘ítems’ para saír nun ránking anual sen validez legal, senón facilitar o acceso da veciñanza implicándoa na toma de decisións”, afirman as e os socialistas.

0.19652795791626