O PSOE pide en Amoeiro concentrar o voto progresista para lograr un segundo escano por Ourense

O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou un acto electoral en Amoeiro no que os seus representantes reclamaron a mobilización do electorado progresista arredor da candidatura socialista, co obxectivo de sumar un segundo deputado pola circunscrición ourensá. Segundo explicaron durante o mitin, a provincia atópase a só 1.200 votos de acadar ese obxectivo, e subliñaron que o PSOE é, ao seu xuízo, a única opción con posibilidades reais de arrebatarlle un escano ao Partido Popular.
Os socialistas trasladaron unha mensaxe directa á cidadanía: consideran que o voto útil para frear ao PP e evitar un Goberno de dereita e ultradereita pasa por apoiar ao seu partido. Advertiron, ademais, de que a fragmentación do voto entre distintas opcións de esquerda podería acabar beneficiando ao PP e facilitando un pacto de goberno con VOX.
No acto interviñeron María José Gil Francisco, secretaria de Organización do PSdeG-PSOE en Amoeiro, encargada de dar a benvida ás persoas asistentes; o alcalde de Amoeiro, José Luis González; a candidata ao Senado María Fernández Ojea; os candidatos ao Congreso dos Deputados Brian Diz González e Carmen Rodríguez Dacosta; e o expresidente da Xunta de Galicia, Fernando González Laxe.
Diz González centrou a súa intervención nas oportunidades para a mocidade, defendendo a necesidade de que os mozos e mozas poidan desenvolver o seu proxecto de vida na provincia sen teren que emigrar. Apostou por reforzar a educación, a formación e a estabilidade laboral como vías para facilitar o acceso á vivenda e a emancipación. Citou que, desde 2018, o número de traballadores menores de 25 anos na provincia medrou máis dun 30 %, á vez que reivindicou o impulso ás bolsas e á Formación Profesional. “A mocidade non pode ser unha xeración condenada á precariedade ou a marchar da súa terra por falta de oportunidades”, sinalou, defendendo políticas que permitan decidir libremente onde vivir e traballar.
Pola súa banda, Rodríguez Dacosta abordou as condicións laborais e salariais, defendendo o papel da reforma laboral na redución da temporalidade e no impulso da contratación indefinida, así como as subas sucesivas do Salario Mínimo Interprofesional. Indicou que a provincia conta con máis de 111.500 persoas afiliadas á Seguridade Social, un 8 % máis que en 2018, das cales o 71 % ten contrato indefinido. Lembrou tamén que o SMI sitúase actualmente en 1.221 euros en 14 pagas, o que beneficia a preto de 13.500 traballadores a tempo completo na provincia. “O PSOE demostrou que se pode gobernar mellorando a vida da maioría social”, afirmou, defendendo salarios dignos e emprego estable fronte ao que cualificou como unha volta aos recortes.
Fernández Ojea, candidata ao Senado, referiuse á protección das persoas maiores e ás pensións, destacando que estas se revalorizan conforme ao IPC para protexer o poder adquisitivo fronte á suba de prezos. Sinalou que en 2026 as pensións contributivas subiron un 2,7 %, as mínimas máis dun 7 %, e as non contributivas xunto co Ingreso Mínimo Vital un 11,4 %. Apuntou que en Ourense 109.901 persoas perciben unha pensión contributiva. “As pensións son un dereito, non unha concesión”, defendeu, insistindo en que o seu partido garante a súa actualización fronte ao custo da vida. Tamén reivindicou a igualdade entre mulleres e homes, a loita contra a violencia machista e o reforzo dos servizos de conciliación, especialmente no ámbito rural.
O peche do acto correu a cargo de Fernando González Laxe, quen formulou as eleccións xerais como unha disxuntiva entre avanzar en dereitos sociais ou retroceder décadas. O expresidente autonómico alertou sobre o que considera os riscos da ultradereita representada por VOX, á que vinculou con posicións xenófobas e discriminatorias, e contrapuxo dous modelos de sociedade: un orientado ao avance en dereitos e igualdade, e outro cara á intolerancia. Finalmente, chamou á cidadanía a defender o conseguido até agora e a reforzar a representación socialista nas institucións para defender os intereses de Galicia e de Ourense.