O PSOE pon en valor a rehabilitación dun edificio anexo ao Museo Etnolóxico de Ribadavia

O PSdeG-PSOE de Ourense puxo o foco na rehabilitación dun edificio anexo ao Museo Etnolóxico de Ribadavia, unha obra financiada polo Ministerio de Cultura que permitiu ampliar as instalacións do equipamento museístico e mellorar os seus servizos.
O proxecto anunciouse en xullo de 2024 cun orzamento previsto de 825.000 euros. Segundo os datos facilitados pola Gerencia de Infraestruturas e Equipamentos de Cultura, o custo final situouse en 794.129 euros destinados ás obras e 67.155 euros en servizos técnicos. Os traballos, que comezaron en agosto de 2024 e remataron en decembro de 2025, permitiron recuperar un inmoble que se atopaba en estado de ruína, situado fronte ao edificio principal do museo, cunha superficie construída de 391,43 metros cadrados repartidos en planta baixa e tres andares.
Grazas a esta intervención, parte dos usos administrativos do museo trasladáronse ao novo edificio, onde agora se sitúan o arquivo documental, o taller fotográfico, a zona documental, os despachos administrativos, a dirección e unha sala de reunións. Tamén se recuperou a galería tradicional do inmoble. Esta reorganización libera espazo no edificio principal do Museo Etnolóxico, o que mellorará o seu funcionamento e a distribución das súas salas.
A candidata socialista ao Congreso, Carmen Rodríguez Dacosta, valorou esta actuación como unha mostra de que os investimentos públicos poden ter un efecto directo sobre o territorio. "Estamos falando dun investimento que vai máis alá da rehabilitación dun edificio. Estamos recuperando patrimonio, ampliando as posibilidades dun museo de referencia e dotando Ribadavia de mellores instalacións culturais", afirmou.
Pola súa banda, a candidata ao Senado, María Fernández Ojea, destacou o papel do museo como referente cultural da comarca do Ribeiro e a súa capacidade para xerar actividade económica na contorna. "Ribadavia ten un patrimonio extraordinario e precisa investimentos que permitan conservalo, poñelo en valor e convertelo nunha oportunidade para toda a comarca", sinalou.
Ambas as dúas candidatas coincidiron en subliñar a importancia de que os investimentos en cultura e patrimonio cheguen tamén aos municipios do interior da provincia, non só aos grandes núcleos urbanos, como vía para fixar poboación e xerar oportunidades económicas vinculadas ao turismo.