O PSOE propón crear un sistema unificado de coordinación para todos os servizos de emerxencias da provincia

O Grupo Provincial Socialista defenderá no vindeiro pleno da Deputación de Ourense a creación dun modelo único de coordinación para todos os servizos de emerxencias, co obxectivo de mellorar a resposta ante situacións de risco, especialmente no ámbito rural.
A iniciativa foi presentada pola deputada Eva Pérez Gamote xunto ao secretario provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila, e propón deseñar nun prazo de seis meses un Plan Integral de Emerxencias que agrupe baixo unha mesma dirección operativa aos bombeiros comarcais e aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES). “O que pedimos é que haxa directrices claras e un mando único que coordine a todos os axentes que participan na extinción dos lumes”, explicou Pérez Gamote.
Desde o PSOE consideran que a Deputación debe asumir un papel protagonista neste proceso, tanto polas súas competencias directas como pola súa capacidade para instar á Xunta a integrar os distintos servizos. Neste sentido, a deputada defendeu que a institución provincial “non pode seguir adiando esta responsabilidade”.
Os socialistas xustifican a urxencia desta medida na experiencia recente dos incendios, especialmente os rexistrados no verán de 2025, que puxeron en evidencia as carencias do sistema actual. “Vimos como os lumes podían chegar ás vivendas! A veciñanza das nosas aldeas merece un sistema de emerxencias á altura desa ameaza”, sinalou Pérez Gamote, quen advertiu de que a falta de planificación incrementa os riscos. “A magnitude do que vivimos, e a tendencia a que isto se repita e mesmo se agrave, converten esta cuestión nun imperativo de seguridade pública que non admite máis demoras”, engadiu.
Un dos aspectos que centra a proposta é a situación dos GES, que dependen dos concellos pero asumen na práctica funcións de bombeiros. Segundo o grupo socialista, esta circunstancia xera inseguridade xurídica e unha sobrecarga para os municipios. “Están a facer de bombeiros sen ser recoñecidos como tal, quedando o persoal e os concellos nun limbo que non pode prolongarse”, denunciou a deputada. Por iso, propoñen a súa integración no Consorcio Provincial de Bombeiros.
Ademais, o PSOE alerta das limitacións do propio consorcio, cuxo orzamento para 2026 ascende a 6,48 millóns de euros, con preto do 80% destinado a persoal e unha forte dependencia das horas extraordinarias. A xuízo de Pérez Gamote, isto reflicte a falta de efectivos e un investimento escaso en medios materiais. “Estamos ante un sistema que garante o funcionamento, pero que non mellora nin se moderniza. E así non podemos seguir”, afirmou.
A moción tamén inclúe medidas para reforzar o cadro de persoal, cubrir vacantes e revisar o convenio laboral, co obxectivo de adaptar o servizo ás necesidades reais. En definitiva, os socialistas reclaman unha reorganización en profundidade do sistema de emerxencias que garanta unha atención eficaz en toda a provincia. “Ourense ten dereito a contar coas emerxencias que a súa cidadanía merece”, concluíu Pérez Gamote.