O PSOE propón que o alumnado de 3º da ESO de Ourense poida vivir unha experiencia educativa nun país de fala inglesa

O grupo municipal do PSOE no Concello de Ourense defenderá no pleno ordinario de outubro, que se celebrará este venres, a posta en marcha dun programa de inmersión lingüística denominado 'Ourense en Inglés'. O obxectivo é que o alumnado da cidade poida gozar dunha experiencia educativa nun país de fala inglesa sen que a situación económica das súas familias sexa un atranco.
A proposta contempla unha primeira edición piloto en 2027, cunha dotación inicial de 200.000 euros no Orzamento e un mínimo de 50 prazas. Segundo explican as socialistas, a intención é poder achegarse ás 60 prazas, en función do custo definitivo do programa.
Unha ferramenta para ampliar oportunidades
Dende o grupo socialista consideran que dominar unha lingua, e en especial o inglés, é hoxe unha ferramenta relevante para abrir portas nos ámbitos educativo, académico e profesional da mocidade. Sen embargo, subliñan que residir durante unhas semanas nun país anglófono segue dependendo, en boa medida, da capacidade económica de cada familia. Por iso, defenden que o Concello debe intervir para que este tipo de experiencia estea ao alcance do alumnado da cidade, sexa cal for a súa situación.
O modelo de Vigo como referencia
A iniciativa toma como referente o programa 'Vigo en Inglés', impulsado polo Concello de Vigo en 2008. Na súa edición de 2026 conta con 1.015 participantes e un orzamento de 3.284.455 euros, e dende a súa creación pasaron por el máis de 12.000 estudantes. O programa ofrece unha estadía de tres semanas no Reino Unido ou Irlanda, con convivencia en familias de acollida, formación en centros educativos e actividades culturais e de lecer.
As edís socialistas apuntan que Ourense debe aprender desta experiencia e adaptala ao seu tamaño, á súa realidade social e á súa capacidade orzamentaria, sen necesidade de replicar exactamente o modelo vigués. Por iso, propoñen comezar cunha convocatoria piloto que permita coñecer a demanda real, avaliar o funcionamento do programa e medir tanto os resultados educativos como a satisfacción do alumnado e das familias. A partir de aí, poderíase avanzar cara á súa consolidación e ampliación.
A quen vai dirixido e en que consistiría
Na súa primeira fase, o programa dirixiríase ao alumnado que curse 3º da ESO, estea empadroado en Ourense e estude en centros sostidos con fondos públicos. A experiencia tería unha duración aproximada de tres semanas nun país de fala inglesa e combinaría a formación no idioma coa convivencia con familias de acollida e a integración temporal nun centro educativo do país de destino.
O planteamento, segundo o PSOE, non é financiar sen máis unha viaxe ao estranxeiro, senón ofrecer unha auténtica experiencia de inmersión educativa e cultural. Con ela, o alumnado poderían empregar o inglés no seu día a día, coñecer outra realidade, gañar autonomía e regresar a Ourense cunha vivencia formativa de gran valor.
Igualdade de oportunidades no acceso
A proposta incorpora tamén criterios de igualdade de oportunidades. As bases deberían combinar os requisitos académicos e lingüísticos necesarios para aproveitar a experiencia con criterios socioeconómicos que impidan que a renda familiar actúe como barreira. Neste sentido, o PSOE plantexa unha achega das familias que sexa progresiva segundo a renda per cápita, coa máxima cobertura municipal para quen teña menos recursos e mesmo con exención do pagamento cando corresponda.
Natalia González, voceira do grupo municipal do PSdeG e candidata á Alcaldía de Ourense, destacou que "esta dimensión social é unha parte esencial da proposta, xa que o obxectivo debe ser que a situación económica dunha familia non determine se unha moza ou un mozo pode ou non acceder a unha experiencia educativa internacional". Nesta liña, defendeu que a educación e "a igualdade de oportunidades deben formar parte das políticas municipais e tamén das decisións de investimento da cidade".
Un proxecto piloto con vocación de continuidade
A primeira edición concíbese como un proxecto piloto para medir a demanda, avaliar o custo real por participante e coñecer os resultados educativos e o grao de satisfacción. Tras esa valoración, o Concello podería trazar un camiño de consolidación e aumento progresivo de prazas nas seguintes edicións, ata crear un programa estable e recoñecible dentro das políticas educativas municipais.
En definitiva, a proposta socialista busca que aprender inglés no estranxeiro, convivir con outra cultura e coñecer outro sistema educativo deixe de ser unha oportunidade reservada a quen pode pagala e chegue tamén á mocidade ourensá a través dunha política pública municipal.