O Ruxido Fest, a primeira Festa da Xuventude de Pereiro de Aguiar, presenta o seu cartel completo

GaliciaXa | OurenseXa
O programa musical contará coas actuacións de LG1DO, DUMORE, Groove Amigos, Dmiron e Marcos Gramola, ademais do concerto de Denial 404
cartel-ruxido-fest
30 May 2026

O Concello de O Pereiro de Aguiar presentou o cartel da primeira edición do Ruxido Fest, o festival da xuventude co que o goberno local busca impulsar a actividade cultural e ofrecer unha proposta de lecer gratuíta para a mocidade.

O alcalde, Luis Menor, destacou que se trata dunha iniciativa coa que se pretende consolidar un evento de referencia no municipio e dar protagonismo á xuventude, apostando por un modelo de concello “máis vivo e dinámico”.

A primeira edición celebrarase o sábado 13 de xuño, a partir das 22:00 horas, na explanada de Monterrei, no complexo lúdico-deportivo do municipio. O acceso será libre e gratuíto.

O programa musical contará coas actuacións de LG1DO, DUMORE, Groove Amigos, Dmiron e Marcos Gramola, ademais do concerto de Denial 404 no Escenario Gramola, nunha noite pensada para combinar distintos estilos e atraer ao público novo.

Desde o Concello salientan que esta primeira edición marca o inicio dun proxecto que aspira a consolidarse nos vindeiros anos como unha cita fixa dentro da programación cultural do municipio.

0.13567900657654