O Sala Ourense ficha a un novo adestrador
O Sala Ourense presentou este luns a Luis Pampín López como o seu novo adestrador. “Pampín, chega a un Sala Ourense que non lle é descoñecido, pois adestrou á súa filial en preferente e en terceira división. Tras estar no noso club foi adestrador do primeiro equipo do Carballiño F.S. en terceira división, desde a tempada 2021/2022 ata mediados de xaneiro da tempada pasada”, explican desde o club.
O novo adestrador chega ao club acompañado de Rubén Garrido Pereira, que fará as funcións de segundo adestrador e preparador de porteiros. Garrido vivirá a súa segunda etapa no club, no que xa estivo tamén anteriormente no corpo técnico de Luis Pampín.
O adestrador colleu os mandos da última sesión de adestramento do equipo, que se enfrontará ao O Korreo Guitiriz F.S. este próximo sábado ás 17.00 horas no Pavillón de Os Remedios.
Pampín regresa ao Sala Ourense tras a renuncia, por motivos persoais, de Adilson, que fora presentado como adestrador o pasado 3 de setembro.