O sector da automoción protesta de forma simultánea en Ourense, Vigo e Pontevedra

OurenseXa
As mobilizacións convocadas pola CIG desenvólvense ás portas dun total de 24 compañías
protestas-cig-ourense-vigo-automocion
1 Out 2024

A CIG-industria convocou para este martes, 1 de outubro, concentracións simultáneas en todas as compañías da automoción de Vigo, Pontevedra e Ourense “para sensibilizar os cadros de persoal das graves ameazas que enfronta o sector e alertar as empresas ante o futuro incerto que teñen por diante como consecuencia da parálise na industria do coche eléctrico, do escurantismo de Stellantis a respecto dos plans para a planta de Vigo e da falta dunha política industrial por parte da Xunta”.

As mobilizacións, que se desenvólven ás portas dun total de 24 compañías -tanto de fabricación como de compoñentes- da industria galega do automóbil nas comarcas viguesa, pontevedresa e ourensá, fan parte da campaña en defensa do sector que desenvolve a central sindical.

“Despois das mobilizacións no Concello de Vigo para denunciar as promesas incumpridas a respecto da automoción, na Xunta pola súa falta de política industrial e en Stellantis por agochar o verdadeiro plan que ten para a planta de Vigo” a CIG opta agora por levar as súas reivindicacións ás empresas para sensibilizar os cadros de persoal e alertar da grave situación que atravesa o sector.

MAdemais, denuncian que co seu “silencio” as compañías son “cómplices” desta política (escurantismo de Stellantis e falta de plan industrial da Xunta) que ameaza a supervivencia dunha industria estratéxica para o país e fundamental para estas tres comarcas.

0.097793102264404