O servizo de limpeza de Ourense convoca unha folga do lixo para o sábado de Entroido

OurenseXa
Os paros están previstos para o 1 de marzo, coincidindo co día grande do Entroido
Concello de Ourense
17 Feb 2025

As persoas traballadoras de Ecourense, concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Ourense, decidiron hoxe en asemblea convocar folga indefinida a partir da 6:00 horas do vindeiro sábado 1 de marzo para reclamar un convenio colectivo digno tras 14 meses cos salarios conxelados.

A medida foi adoptada tras a última proposta achegada pola empresa e despois de celebradas 12 xuntanzas negociadoras (tanto entre o comité coa empresa como co comité do Concello) dende que o 31 de decembro de 2023 rematase a vixencia do convenio.

Neste tempo Ecourense negouse a aceptar as principais demandas da parte social para dotarse dun convenio para os anos 2024, 2025 e 2026: incrementar os soldos en base ao IPC e equiparar o valor dos trienios (xa que a antigüidade está conxelada) á categoría de condutor para beneficiar a de peón, que conta cos salarios máis baixos.

Ademais, no caso de que o convenio se estendese tamén ao ano 2027 reclamábase tamén a redución da xornada laboral, eliminando un dos dous sábados de traballo obrigatorio ao mes para cada un das persoas empregadas do servizo.

Concesión en precario

Ante a negativa da dirección o comité (4 representantes da CIG, 1 do STL, 1 de CCOO, 1 da CGT, 1 da USO e 1 da UGT) optou por celebrar unha asemblea na que o persoal rexeitou a proposta final da empresa e decidiu convocar folga. A proposta recibiu o apoio practicamente total das máis de 120 persoas participantes, xa que unicamente se contabilizou un voto en contra.

Dende a CIG lembran que a concesión da recollida do lixo e limpeza viaria atópase -ao igual que o resto de servizos do Concello- en precario, xa que o Goberno local non foi quen de sacar adiante o prego de condicións para convocar o concurso de renovación do servizo. Un prego que recibiu alegacións da central sindical e que finalmente foi anulado xudicialmente tras os recursos presentado por varias empresas. “De xeito que volvemos ao inicio do proceso, co agravante de que levamos 14 meses sen convenio e o cos soldos conxelados”, denuncian.

 

0.17821502685547