O SLG e Vía Campesina conmemoran o Día Internacional da Loita Labrega cunha xornada en Allariz

OurenseXa
Será no Mercado da Reserva da Biosfera e comeza esta tarde unha foliada
xornada-slg-allariz
17 Apr 2026

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG), xunto coa Vía Campesina, conmemora este 17 de abril o Día Internacional da Loita Labrega, unha data que lembra o masacre de Eldorado do Carajás (Brasil) en 1996, no que foron asasinadas 21 persoas labregas sen terra durante unha ocupación de terras no marco da loita pola reforma agraria.

A xornada vense celebrando desde hai 30 anos como día de acción fronte á violencia que, segundo indica, segue presente nos territorios rurais. Neste contexto, o movemento reafirma a necesidade dunha Reforma Agraria como ferramenta para avanzar cara a sociedades máis xustas, a democratización da terra e a Soberanía Alimentaria, fronte á concentración da propiedade e ao avance do agronegocio.

En Galicia, a conmemoración desenvolverase en Allariz os días 17 e 18 de abril, no Mercado da Reserva da Biosfera. A programación comeza hoxe cunha foliada polos dereitos das persoas labregas, que se celebrará entre as 19:30 e as 23:00 horas.

Para mañá, sábado 18, está prevista a inauguración da exposición da Declaración dos Dereitos Labregos e doutras Persoas que Traballan nas Zonas Rurais (UNDROP) ás 11:30 horas na praza de abastos de Allariz. A continuación terán lugar varias palestras ás 12:00 horas no mesmo espazo.

No programa participarán Begoña de Bernardo Miño, enxeñeira agrónoma e presidenta da asociación Véspera de nada, que abordará o decrecemento na conxuntura actual; María Ferreiro, gandeira e secretaria xeral do SLG, que analizará os tratados de libre comercio e o seu impacto na alimentación local; e Xosé María García, labrego e secretario de Agroecoloxía do SLG, que pechará as intervencións coa proposta do modelo labrego baseado na Soberanía Alimentaria.

O Sindicato Labrego Galego tamén contextualiza esta data no marco internacional da loita polos dereitos labregos, lembrando o traballo da Vía Campesina e a consolidación de avances como a Declaración das Nacións Unidas sobre os Dereitos dos Campesiños e outras Persoas que Traballan nas Zonas Rurais (UNDROP), así como a celebración de foros globais sobre soberanía alimentaria.

A organización defende a vixencia destas reivindicacións fronte ao que describe como un contexto global de concentración da terra, avance do agronegocio e políticas comerciais que afectan á produción agraria de pequena escala.

0.13796091079712