O SLG convoca unha concentración en Ourense para esixir solucións ante a EHE

OurenseXa
A concentración terá lugar este mércores 11 de setembro, ás 12.00 horas, fronte á Xefatura Territorial da Consellería de Medio Rural
Convocatoria Ourense, SLG
10 Sep 2024

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) lembra que vén alertando dende o ano pasado do aumento da incidencia da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) nas granxas. A día de hoxe, dende o sindicato cifran que as perdas para o conxunto das explotacións gandeiras do noso país pode chegar a superar os 20 millóns de euros e a súa expansión mesmo provocou a suspensión de varias feiras do gando.

“Como sinalamos na mobilización levada adiante o pasado 14 de agosto en Ourense, tanto a Administración estatal como a galega teñen a responsabilidade de pór medidas de apoio ao sector, así como de coordinarse para activar decontado mecanismos para financiar os gastos veterinarios, que poden chegar aos 400 euros por animal, resultando tamén pertinente actualizar as indemnizacións por morte do gando para cubrir as perdas reais”, explican dende o sindicato.

“Para facer fronte a esta situación demandamos reiteradamente á CMR a cobertura total dos gastos veterinarios, así como das perdas tanto polos animais mortos como polos que superan a EHE, sen obter resposta”.

Ademais aseguran que, por outra banda, a semana pasada solicitaron á Consellaría do Medio Rural un adiamento da vacinación da lingua azul, tendo en conta a súa alta incidencia en efectos secundarios (mortes, abortos, etc.) de xeito moi notable no gando afectado por Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE).

“A día de hoxe son un número moi importante de gandarías as que se están atopando na situación de non poder levar ao matadoiro e a outros destinos como mercados, animais sans por non ter podido administrar as dúas doses da vacina, que requiren dun procedemento e tempos determinados”, explican. Por iso, denuncian que os gandeiros atópanse nunha situación de bloqueo das granxas de carne.

“Fronte ao desleixo da Xunta de Galicia ante este escenario que está a agravar as dificultades e comprometer a viabilidade das granxas galegas, xa significativamente impactadas polos baixos prezos da carne e do leite”, o SLG convoca unha concentración este mércores 11 de setembro ás 12.00 horas fronte á Xefatura Territorial da Consellería de Medio Rural de Ourense (Rúa Florentino Cuevillas, 4),
. convocamos unha concentración fronte á Consellaría do Medio Rural en Ourense (Rúa Florentino Cuevillas, 4), “en demanda do adiamento da vacinación da Lingua Azul, solucións ante a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), axudas reais para perdas, facilitación do movemento de animais e atendemento axeitado por parte da Xunta de Galicia”.

0.16957306861877