O socialismo ourensán festexa 130 anos de historia coa vista posta nas municipais de 2027

A Agrupación Socialista de Ourense reuniu este xoves no Auditorio Municipal a militantes de distintas épocas nun acto baixo o título 'Raíces de futuro. Un encontro coa nosa historia', pensado para conmemorar o 130 aniversario da organización e poñer en valor as persoas que, ao longo de máis dun século, formaron parte da súa traxectoria.
Ao encontro asistiron afiliados de base, militantes con longos anos de pertenza ao partido, antigos secretarios e secretarias xerais, concelleiros de distintas corporacións democráticas, cargos institucionais, integrantes de Xuventudes Socialistas e representantes da actual dirección. O acto artellouse arredor da idea de que a historia da agrupación é froito do esforzo colectivo de todas as persoas que a integraron, e non só de quen ocupou os postos de maior visibilidade.
Durante a xornada repasouse o camiño percorrido pola organización desde os seus inicios, pasando polos anos da ditadura e a posterior recuperación da democracia, ata chegar á presenza socialista no Concello de Ourense, ininterrompida desde 1979, incluíndo os distintos períodos nos que o partido asumiu o goberno municipal.
A pesar do carácter conmemorativo do acto, o encontro tivo tamén unha clara proxección cara ao futuro, xa que coincide co arranque dun curso político marcado pola celebración de eleccións municipais en maio de 2027, cita na que a organización afronta unha etapa inédita na súa historia.
Unha candidatura histórica
Por primeira vez en 130 anos, unha muller encabezará a candidatura socialista á Alcaldía de Ourense. Trátase de Natalia González Beneitez, actual secretaria xeral da Agrupación e portavoz do Grupo Municipal Socialista, que liderará a lista do PSdeG-PSOE nos comicios de 2027. A súa proclamación chega tras máis de dúas décadas de militancia e despois de ter desempeñado diversas responsabilidades tanto orgánicas como institucionais dentro do partido.
González xa optara a encabezar a candidatura nos procesos de 2019 e 2023, nos que finalmente foron designados Rafael Rodríguez Villarino e Francisco Rodríguez, respectivamente. O seu nomeamento actual abre ademais a posibilidade de que, de resultar elixida, se converta na primeira alcaldesa da historia da cidade.
Durante a súa intervención no acto, González quixo restar protagonismo ás figuras individuais e poñer o acento na suma de esforzos colectivos: "Hoxe non celebramos cargos nin nomes propios. Celebramos 130 anos de persoas. Das que gobernaron e das que estiveron na oposición; das que asumiron responsabilidades e das que nunca as necesitaron; das que abriron a sede, estiveron nunha mesa electoral, pegaron carteis, participaron nunha asemblea ou defenderon estas siglas nos momentos fáciles e, sobre todo, nos difíciles. Esta historia é de todas e de todos".
Un relevo xeracional constante
O acto, celebrado baixo o lema 'A mesma causa. Un novo tempo', combinou a proxección de material audiovisual e documentación histórica con distintos bloques dedicados a recoñecer o labor da militancia veterana, de quen dirixiu a agrupación ao longo dos anos e dos homes e mulleres que representaron ao socialismo ourensán na corporación municipal desde o restablecemento da democracia.
As Xuventudes Socialistas tiveron tamén un espazo propio dentro da celebración, como mostra de que a organización logrou manterse no tempo grazas ao relevo constante entre xeracións. Neste sentido, subliñouse durante o acto: "Ningún de nós chegou aquí só e ningún de nós comeza de cero. Herdamos unha historia enorme, feita tamén de momentos difíciles, de erros, de acertos e, sobre todo, de compromiso. Temos a obriga de coñecela, de respectala e de ser quen de entregarlla á seguinte xeración máis forte do que a recibimos".
O encontro colleu un significado especial grazas á presenza de representantes das diferentes etapas do socialismo municipal ourensán, persoas que compartiron militancia ao longo de case medio século de democracia e que volveron coincidir nun mesmo espazo xunto aos militantes actuais e as xeracións máis novas da organización.