O subdelegado do Goberno analiza os proxectos de recuperación da memoria democrática na comarca de Celanova

OurenseXa
Entre os actuais traballos atópase a busca de restos na fosa común de San Breixo, a dignificación de lugares de enterramento e a promoción de espazos da comarca vencellados coa memoria democrática
eladio-sasntos-memoria-historica-celanova
Eladio Santos nun encontro co Comité de Memoria Histórica de Celanova
25 Feb 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, reuniuse esta mañá con representantes do Comité Memoria Democrática da Comarca de Celanova para tratar con eles o estado dos proxectos postos en marcha dende a entrada en vigor da Lei de Memoria Democrática, que desenvolve o Ministerio de Política Territorial.

A raíz desta nova regulación, o Goberno transfire ás comunidades autónomas cada ano determinados fondos destinados a sacar adiante proxectos de recuperación da memoria democrática e traballos de investigación histórica, como é a busca de fosas comúns. Neste caso, Galicia recibiu no último ano 76.300 euros para esta finalidade.

Unha parte dos que corresponderon á provincia de Ourense, sufragan traballos que se están realizando na comarca de Celanova, como é a busca de restos na fosa común de San Breixo, a dignificación de lugares de enterramento e a promoción de espazos da comarca vencellados coa memoria democrática. Entre estes últimos atópase o cárcere franquista que estivo sito no interior do Mosteiro de San Rosendo, lugar que agora ocupa o IES Celso Emilio Ferreiro.
Neste senso, os representantes do Comité de Memoria Democrática explicáronlle ao subdelegado que no vindeiro mes de marzo terá lugar un acto en recordo dos milleiros de persoas que pasaron por esta instalación. Ademais, abordaron a exhumación dalgúns dos asasinados na zona durante a ditadura, cuxos restos foron entregados ás súas familias.

Programa “50 anos de España en liberdade”

Dentro do Programa ““50 anos de España en liberdade” trala morte de Franco, que está a desenvolver o Goberno central, o subdelegado tamén abordou cos presentes proxectos vencellados a persoeiros senlleiros da comarca de Celanova, “como Luis Soto, contemporáneo de Carlos Velo no seu exilio a México; e Celso Emilio Ferreiro, figura moi destacada durante a transición coa súa obra literaria. Estase traballando na recuperación de todo o proceso de represión vivido na comarca de Celanova”, explicou Eladio Santos.

⚙ Configurar cookies
0.096555948257446