O subdelegado do Goberno en Ourense insiste na importancia da prevención para reducir o impacto dos incendios forestais

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, subliñou esta mañá durante a reunión do Comité Provincial de Coordinación da Loita contra Incendios Forestais, celebrada na Delegación Territorial da Xunta en Ourense, o compromiso do Goberno de España para poñer a disposición da Xunta todos os recursos estatais necesarios para facer fronte aos incendios forestais, no marco da coordinación entre administracións.
“A boa coordinación e a comunicación fluída entre a Comunidade Autónoma, os concellos e o Goberno son esenciais para actuar de forma eficaz e rápida ante situacións de emerxencia e protexer o territorio e o noso patrimonio natural”, subliñou o subdelegado durante o encontró, no que se analizaron os protocolos de actuación conxunta e os mecanismos de activación dos distintos medios dispoñibles.
O representante do Goberno incidiu tamén na importancia da prevención e da planificación para reducir o impacto dos incendios forestais, lembrando que o traballo debe comezar antes da tempada de maior risco. “A prevención empeza moito antes do verán, con xestión forestal, planificación e concienciación”, apuntou.
Na reunión participaron representantes da Xunta, da administración local, das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e dos servizos de emerxencias.
Santos sinalou que o Goberno activará, como en campañas anteriores, os distintos recursos estatais dispoñibles, entre eles as Brigadas de Reforzo en Incendios Forestais (BRIF), a Garda Civil, a Policía Nacional, Protección Civil, a Unidade Militar de Emerxencias (UME) e o Exército de Terra, que complementan os medios autonómicos.
Así mesmo, lembrou o papel do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que conta en Galicia con medios aéreos e terrestres, como a base de avións anfibios de Santiago de Compostela, o aeródromo de Xinzo de Limia, a BRIF de Laza e os Equipos de Prevención Integral de Incendios Forestais (EPRIF), ademais de recursos técnicos e de apoio en análise, planificación e información meteorolóxica da AEMET.
Segundo se recolle no dispositivo, durante a campaña de incendios do pasado verán mobilizáronse na provincia de Ourense efectivos da UME e distintas unidades do Exército de Terra en apoio aos labores de extinción.