O subdelegado do Goberno en Ourense reúnese coa veciñanza do Pino para escoitar as súas demandas

OurenseXa
Eladio Santos informou á veciñanza sobre o estado dos traballos de reparación do muro do túnel da N-120 e aproveitou para pedir ao Concello de Ourense que busque unha solución aos actuais problemas de mobilidade deste barrio
eladio-santos-veciños-o-pino
7 May 2026

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, mantivo hoxe unha reunión con representantes da Asociación de Veciños Santa Ana do Pino de Ourense para escoitar as súas demandas e informar sobre o estado dos traballos de reparación do muro do túnel da N-120.

Durante o encontro, Santos explicou que o muro tivo que ser apuntalado debido a un risco de derrubamento. Neste tempo, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible realizou os estudos técnicos necesarios para definir a solución máis axeitada, lembrando que a seguridade das persoas é a prioridade absoluta para o Goberno de España.

O subdelegado indicou ademais que xa se activou o procedemento para a declaración de emerxencia e que o inicio das obras se levará a cabo coa máxima rapidez posible, tendo en conta os trámites administrativos correspondentes.

Tras escoitar as preocupacións dos veciños e veciñas, Eladio Santos animou ao Concello de Ourense a buscar unha solución temporal que permita mellorar a mobilidade na zona, ante a supresión da parada de autobús urbano derivada do corte dun carril.

0.10634708404541