O verán chega a Allariz con máis dunha trintena de propostas culturais, deportivas e de lecer

OurenseXa
A axenda esténdese de maio a outubro e combina festivais, deporte, patrimonio e actividades culturais para veciñanza e visitantes
presentacion-veran-cultural-allariz
25 Jun 2026

O Concello de Allariz presentou a súa Programación de Verán 2026, unha proposta transversal que reúne máis de 35 actividades culturais, deportivas e de lecer pensadas tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes. Na presentación participaron a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, xunto co concelleiro de Cultura, Alberto Conde; o concelleiro de Deportes, Carlos Puga; e a concelleira de Promoción Económica, María López.

A programación esténdese de maio a outubro e inclúe citas consolidadas como o Festival Internacional de Xardíns, as festas de San Bieito, o Festival RIR e as Xornadas da Carne de Boi, combinando música, teatro, deporte e posta en valor do patrimonio.

O XVI Festival Internacional de Xardíns, baixo a temática “Xardíns da Liberdade”, mantense aberto na rúa Portovello ata outubro. No mes de xullo, a actividade cultural arrincará coa exposición pictórica de Isauro González e co Festival Literario de Allariz (FLAZ), previsto para os días 3 e 4 na Casa da Cultura e na Praza do Matadoiro.

As festas de San Bieito celebraranse os días 10, 11 e 12 de xullo, cun programa que incluirá a obra “Ñiquiñaque”, coproducida polo CDG con Espectáculos Valente, e a actuación do grupo Castro Floxo.

O 24 de xullo conmemorarase a Festa da Patria nos Xardíns do Museo do Coiro, coas actuacións do Cuarteto Par de Par e o grupo Skadelos.

En agosto, os días 22 e 23, terá lugar a Festa da Empanada, que se completará cunha ampla programación deportiva e musical, incluíndo o XXXIV Triatlón Vila de Allariz, a XXXV Regata de Piragüismo e actuacións musicais como Soul&Roll + Los Camachuelos e o DJ Varo Alonso. O teatro de rúa estará presente con propostas como a de Paula Quintas – Cía o 7 de agosto e Ghazafelhos o 21 de agosto.

A programación inclúe tamén actividades de posta en valor do patrimonio, con dúas campañas de escavación na Cibdá de Armea durante xullo e agosto, ademais de roteiros temáticos sobre muíños e curtidorías, a corte románica e a figura do fotógrafo José Suárez.

No ámbito audiovisual, o RIR – Festival Internacional de Curtas de Comedia celebrarase do 30 de agosto ao 5 desetembro, seguido do Ciclo Mestre Mateo de cinema galego. En setembro desenvolveranse tamén o mercado de artesanía “Arte de Man” o día 6 e a Feira dos Produtos Apícolas o día 13.

Como peche da programación, celebraranse as Xornadas da Carne de Boi entre o 25 de setembro e o 11 de outubro, xunto co roteiro teatralizado “Camiños de Pedra”, que porá o punto final á programación de verán 2026.

0.11755895614624