O Verán Cultural chega a Barbadás con preto dunha vintena de actividades por todo o municipio

O Concello de Barbadás vén de presentar o seu Verán Cultural máis extenso ata o momento, unha programación impulsada a través da Concellería de Cultura que reúne preto dunha vintena de actividades de música, teatro, circo, cine, maxia e humor, e que se desenvolverá ao longo dos próximos meses en diferentes puntos do municipio.
Durante a presentación do ciclo, o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, destacou que se trata “dunha proposta diversa que achega a cultura a veciños e veciñas de diferentes idades e de todos os puntos do municipio”. O rexedor explicou tamén que, por primeira vez, a programación non se concentrará exclusivamente no Parque dos Patos, senón que se estenderá por varias localidades.
Neste sentido, as actividades pasarán por Sobrado do Bispo, Bentraces, Piñor e Finca Fierro, ademais do Parque dos Patos da Valenzá, espazo que seguirá concentrando boa parte das citas culturais.
O concelleiro de Cultura, José Manuel Morgade, sinalou que “Este ano imos ter máis actividades que nunca e non só os xoves, senón tamén os venres”, ao tempo que animou á veciñanza a participar na programación e a desfrutar das diferentes propostas culturais.
A oferta será de carácter gratuíto e contará con artistas e compañías de referencia como Mercedes Peón, o Centro Dramático Galego ou a proxección da película ‘Rondallas’, nominada aos Goya 2026. Xunto a estas propostas, tamén participarán formacións locais como a Escola Nova Fronteira, a Banda Infantil da Escola de Música de Barbadás e a Banda de Música Cultural de Barbadás.
A programación arranca mañá no Parque dos Patos ás 21:00 horas coa exhibición de fin de curso de Danzas do Mundo Danzari da Escola Nova Fronteira. O venres será a quenda de MVT Galicia, tamén ás 21:00 horas no mesmo emprazamento.
A semana seguinte actuarán a Banda Infantil da Escola de Música de Barbadás, o luns 22 de xuño, e a Banda de Música Cultural de Barbadás, o martes 23 de xuño, ambas ás 21:00 horas no Parque dos Patos.
Xa no mes de xullo, o xoves 2 terá lugar o espectáculo de circo ‘5.0’ de Sue Moreno, tamén no Parque dos Patos ás 21:00 horas. O xoves 9 será a quenda de Brañas Folk.
As proxeccións da película ‘Rondallas’ comezarán o venres 10 de xullo no parque Fidalguiño de Sobrado ás 22:30 horas. Esta actividade continuará o venres 17 de xullo na Praza do Pumar de Bentraces, o venres 14 de agosto no Campo de Roma de Piñor e o venres 21 de agosto na explanada detrás dos edificios da rúa Milladoiro, en Finca Fierro, sempre no mesmo horario.
O xoves 16 de xullo, a compañía Orainbi presentará o espectáculo ‘Mute’, mentres que o xoves seguinte será o grupo Tetas Van quen protagonice a actuación co seu traballo ‘15 revoltas’.
O xoves 30 de xullo está prevista a representación de ‘Ñique Ñaque’, a cargo do Centro Dramático Galego en coprodución con Espectáculos Valente.
En agosto, o xoves 6, o mago Fernando Moreno presentará ‘Superpoderes máxicos’, seguido o xoves 13 pola obra ‘De Vilatriste a Vilalegre’ de Teatro ó Cubo.
O xoves 20 de agosto actuará o grupo Dr.Slump, e o ciclo pecharase o xoves 27 de agosto co concerto de Mercedes Peón, que presentará o seu traballo ‘Déixaas’.