O Verán Cultural de Seixalbo 2026 modifica dúas citas da súa programación

O programa do Verán Cultural de Seixalbo 2026 incorpora cambios en dúas das actividades previstas inicialmente para o mes de xullo. Desde a organización informan destas modificacións para facilitar a asistencia das persoas interesadas.
A charla sobre alimentación e saúde pública, prevista para este martes 7 de xullo ás 20.00 horas no local da Asociación de Veciños (AVV), será finalmente o 8 de setembro á mesma hora e no mesmo lugar. A sesión contará coa participación de Fernando de Vicente.
Tamén se modifica a data da proxección cinematográfica prevista para o venres 10 de xullo ás 22.30 horas no Auditorio de Penouzos. O pase da película “Rondallas”, de Daniel Sánchez Arévalo, trasládase ao sábado 11 de xullo ás 22.30 horas, mantendo a mesma localización.
O resto da programación prevista para o Verán Cultural de Seixalbo mantén as datas establecidas, cun calendario de actividades que se prolongará ata o mes de setembro e que inclúe propostas culturais, deportivas, formativas e de convivencia para diferentes públicos.
Entre as próximas citas figura a viaxe cultural ás Illas Atlánticas (Illa de Ons), programada para o sábado 18 de xullo ás 08.45 horas con saída desde a Praza Barreiros.
Xa no mes de agosto, o programa continuará o venres 7 ás 22.30 horas no Auditorio de Penouzos coa proxección da película “Salta!!!”, de Olga Osorio. O sábado 22 de agosto, ás 10.30 horas, terá lugar un obradoiro de batucada con Juan Jesús Gómez, tamén no Auditorio de Penouzos.
O martes 25 de agosto, ás 20.00 horas no Estadio do Carqueixal, celebrarase o partido de fútbol do Trofeo Vila de Seixalbo, que enfrontará ao CD Seixalbo e ao Antela FC.
A programación continuará en setembro con diferentes propostas: unha xornada de convivencia intercultural o venres 4 ás 20.00 horas no Auditorio de Penouzos; talleres familiares para nenos e adultos o mércores 9 ás 17.30 horas no local da AVV; unha andaina solidaria a favor do Banco de Alimentos o domingo 13 ás 09.30 horas no Parque da Infesta; e unha charla sobre hixiene bucal impartida polo SERGAS o martes 15 ás 20.00 horas no local da AVV.
As últimas actividades serán unha ruta de cicloturismo familiar o domingo 20 de setembro ás 11.00 horas no Parque da Infesta; a representación teatral “Só ante o perigo” o sábado 26 ás 22.00 horas no Auditorio de Penouzos; e o concerto de clausura a cargo de Cantigas de Seixo e Trovare, que terá lugar o domingo 27 de setembro ás 19.30 horas na Igrexa de San Breixo.