O Verán Cultural de Seixalbo chega á súa recta final con actividades durante o mes de setembro

OurenseXa
A programación, iniciada no mes de xuño, rematará o 27 de setembro cun concerto de clausura na Igrexa de San Breixo
auditorio-penouzos-seixalbo-cultural
30 Aug 2026

O Verán Cultural de Seixalbo 2026 continúa durante o mes de setembro cunha programación que reúne propostas culturais, deportivas, formativas e de convivencia para diferentes públicos. A iniciativa, que comezou no mes de xuño, manterá as súas actividades durante as próximas semanas con varias citas repartidas por distintos espazos da localidade.

A primeira proposta de setembro será unha xornada de convivencia intercultural, que terá lugar o venres 4 ás 20.00 horas no Auditorio de Penouzos. O mércores 9, ás 17.30 horas no local da Asociación de Veciños (AVV), desenvolveranse talleres familiares dirixidos a nenos e adultos. O domingo 13, ás 09.30 horas no Parque da Infesta, celebrarase unha andaina solidaria a favor do Banco de Alimentos. A programación continuará o martes 15 de setembro cunha charla sobre hixiene bucal impartida polo SERGAS, prevista para as 20.00 horas no local da AVV.

As últimas actividades do Verán Cultural de Seixalbo serán unha ruta de cicloturismo familiar o domingo 20 de setembro ás 11.00 horas no Parque da Infesta; a representación teatral “Só ante o perigo” o sábado 26 ás 22.00 horas no Auditorio de Penouzos; e o concerto de clausura, a cargo de Cantigas de Seixo e Trovare, que terá lugar o domingo 27 de setembro ás 19.30 horas na Igrexa de San Breixo.

0.18249297142029