O Verán na Mocidade ofrece tres obradoiros para persoas de entre 13 e 33 anos en Allariz

O Concello de Allariz pon en marcha unha nova edición de Verán na Mocidade, cun bloque de actividades formativas que inclúe tres obradoiros impartidos integramente en galego e dirixidos a fomentar a aprendizaxe e as habilidades prácticas.
A programación arrancará os días 16 e 23 de xullo, de 10.00 a 13.00 horas, cun obradoiro teórico e práctico para aprender a crear un podcast.
O 20 de agosto, ás 10.00 horas, celebrarase no Seixo un curso de mecánica básica de bicicletas, mentres que o 3 de setembro terá lugar un taller sobre privacidade na internet, centrado en ofrecer ferramentas básicas para protexer os datos persoais na rede.
As inscricións deben realizarse presencialmente na Casa da Mocidade. As actividades están abertas a persoas de todas as idades, aínda que terán preferencia as mozas e mozos de 13 a 33 anos no caso de que se complete o número de prazas. Para que cada obradoiro poida desenvolverse será necesaria a participación dun mínimo de oito persoas.