O Verán na Mocidade regresa a Allariz con actividades até o mes de setembro

O Concello de Allariz, a través da Concellería de Mocidade, organiza unha nova edición do “Verán na Mocidade”, unha proposta que reunirá durante os próximos meses diferentes actividades relacionadas coa aprendizaxe, o deporte, o lecer e a convivencia.
A iniciativa está deseñada integramente en galego e incorpora unha particularidade: as persoas participantes deberán prescindir do uso dos dispositivos dixitais durante o desenvolvemento das actividades. A única excepción será o obradoiro centrado na privacidade en internet. O obxectivo desta medida é favorecer unha participación máis directa e unha maior interacción entre os asistentes.
A programación de formación abrirase os días 16 e 23 de xullo, entre as 10.00 e as 13.00 horas, cun obradoiro orientado á creación de podcasts, no que se combinarán contidos teóricos e prácticos para que os participantes poidan coñecer o proceso necesario para elaborar este tipo de contidos.
Xa no mes de agosto, concretamente o día 20 ás 10.00 horas no Seixo, desenvolverase unha sesión dedicada á mecánica básica de bicicletas, centrada no coñecemento e mantemento destes vehículos.
As actividades formativas pecharanse o 3 de setembro cunha proposta relacionada coa seguridade dixital. A sesión abordará cuestións básicas sobre a protección da identidade persoal e o uso da privacidade na rede.
Dentro da programación tamén ocupan un espazo destacado as saídas organizadas fóra do municipio. A primeira delas levará aos participantes a Ferrol e San Andrés de Teixido, nunha actividade prevista entre o 28 e o 30 de xullo que combinará tempo de praia, práctica de paddle surf e rutas a pé. O custo será de 100 euros, reducíndose a 80 euros para residentes.
Posteriormente, o 13 de agosto, organizarase unha visita ao parque acuático de Cerceda, cun prezo de 15 euros, ou de 12 euros no caso das persoas residentes.
A programación de viaxes concluirá os días 12 e 13 de setembro cunha saída á Terra de Trevinca, unha actividade centrada na astronomía e no coñecemento deste espazo natural, no que se atopa o pico máis alto de Galicia. O custo será de 100 euros, con tarifa reducida de 80 euros para residentes.
Ademais das actividades formativas e das saídas, o programa incorpora diferentes competicións dirixidas ás persoas que prefiran opcións de lecer máis locais. O calendario inclúe un campionato de matraquillo, que se celebrará os días 15 e 16 de xullo, un torneo de ping pong previsto para os días 19 e 20 de agosto, e unha competición de xadrez, programada para o 6 de setembro.
As actividades estarán abertas á participación de persoas de distintas idades, aínda que, no caso de existir limitación de prazas, darase preferencia aos mozos e mozas de entre 13 e 33 anos. Ademais, cada proposta precisará contar cun mínimo de oito persoas inscritas para poder levarse a cabo.
As inscricións deberán formalizarse presencialmente na Casa da Mocidade de Allariz.