O VIII Car Outlet Ourense reunirá máis de 400 vehículos

Expourense acolle esta fin de semana, do 17 ao 19 de abril, a oitava edición do Car Outlet Ourense, unha cita que reunirá a 20 concesionarios oficiais da provincia e que permitirá coñecer a oferta de 28 marcas, desde modelos tradicionais ata novas opcións en vehículo eléctrico.
O evento, organizado por Expourense e a Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense (ACAUTO), conta coa colaboración da Deputación Provincial e busca consolidarse como unha oportunidade para dinamizar o sector da automoción e facilitar a compra de vehículos de ocasión con garantías.
Durante a presentación, celebrada este martes, representantes institucionais e do sector destacaron a relevancia desta cita. O vicepresidente de ACAUTO subliñou que o principal obxectivo é “ofrecer aos ourensáns a oportunidade de renovar o seu vehículo con garantía oficial, entrega inmediata e con prezos especiais de feira que non ofrecen os concesionarios o resto do ano”.
O salón contará con máis de 400 vehículos, entre quilómetro cero, seminovos, de xerencia e segunda man, cunha ampla variedade de modelos e prezos. Os asistentes poderán comparar distintas opcións nun mesmo espazo antes de tomar unha decisión de compra, nun contexto no que a demanda de coches de ocasión continúa en aumento.
Un dos retos que pretende abordar esta iniciativa é o envellecemento do parque automobilístico da provincia, un dos máis antigos de España. Actualmente, Ourense conta con arredor de 165.000 vehículos cunha idade media de 18,2 anos, por riba da media galega. Ademais, a presenza de coches eléctricos segue sendo moi reducida, apenas un 0,67% do total.
Desde a organización destacan que a renovación da frota contribuiría a mellorar tanto a seguridade viaria como a sustentabilidade. Neste sentido, o salón ofrece condicións vantaxosas non só no prezo, senón tamén en financiamento, seguros e servizos asociados, sempre co respaldo dos concesionarios oficiais. Ademais, desde a organización inciden na importancia de adquirir vehículos a través de profesionais, que deben ofrecer, como mínimo, un ano de garantía, ampliable en moitos casos, ademais de encargarse da tramitación administrativa da compravenda.
O horario de apertura será o venres de 11.00 a 20.30 horas, o sábado de 10.00 a 20.30 e o domingo de 11.00 a 20.00. A entrada terá un custo de 3 euros, sendo gratuíta para menores de 12 anos, e haberá servizo de ludoteca sen custo a partir da tarde do venres.