O xeodestino Trevinca-Valdeorras presenta en Fitur un monográfico de “Turismo Rural” e o documental “As Covas”

OurenseXa
O Xeodestino brindou espazo para presentar o documental “As Covas” realizado polo Roteiro do Viño de Valdeorras
Fitur_xeodestino_trevinca_valdeorras
26 Jan 2024

O xeodestino “Trevinca-Valdeorras” vén de presentar esta mañá na Feira Internacional de Turismo, en Madrid, o monográfico que protagoniza na publicación especializada “Turismo Rural”, cabeceira de referencia en España en materia en turismo de interior. A presentación correu a cargo do presidente do Inorde e deputado provincial de Turismo, Rosendo Fernández e da directora de promoción turística da Xunta de Galicia, Carmen Pita. Tamén participaron no acto o presidente do Roteiro do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez; a directora do documental “As Covas”, Cristina da Torre; e o director e redactor do monográfico, Alberto de Froitos.

A publicación forma parte das accións realizadas no marco do convenio a Deputación, a través do Inorde, e a Axencia de Turismo de Galicia, e distribuirase en toda España. Os nove municipios que integran este xeodestino conxugan baixo o slogan “Terras que Saben”: natureza, enoturismo, turismo industrial e o Camiño de Santiago.

“O monográfico de Turismo Rural sobre Trevinca-Valdeorras reúne en 16 páxinas os recursos diferenciadores deste destino, contribuíndo a xerar notoriedade do mesmo en todo o mercado nacional”, afirmou Rosendo Fernández. A través de cinco reportaxes ofrece unha viaxe polo xeodestino a través do seu patrimonio natural, histórico, gastronómico e industrial.

Estas “visitas obrigadas” van desde o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, o Teixedal de Casaio, e o Centro Astronómico de Galicia (onde se atopa o punto máis alto de Galicia e un dos mellores ceos do mundo para ver as estrelas) ás lagoas glaciares. A oferta enogastronómica protagonízana as súas festas e como non pode ser doutra maneira os viños da Denominación de Orixe de Valdeorras e a manifestación etnográfica singular das súas covas. O Camiño de Inverno (a vía de acceso natural a Galicia desde a meseta), fervenzas de 25 metros como a de Pincheira de Fervenza, praias fluviais, o Santuario de As Ermidas, ou minas de lousa, entre outros recursos, son resaltados nesta publicación. “Unha riqueza patrimonial que converte a “Trevinca-Valdeorras” nun territorio único e diverso, que ofrece ao visitante unha caixa de turismo experiencial que non esquecerá nunca”, destacou o presidente do Inorde.

Un destino que, coa chegada da Alta Velocidade a Galicia, tendo a Ourense como porta de entrada, pódese visitar a só dúas horas e corenta e cinco minutos de Madrid, se tomamos de referencia a estación da Gudiña.

Presentación do documental “Covas de Valdeorras”

Ademais do monográfico, na presentación do xeodestino “Trevinca-Valdeorras” en Fitur, deuse a coñecer entre representantes do sector turístico, autoridades e prensa especializada o documental “As Covas”. Este proxecto audiovisual, promovido pola Asociación Roteiro do Viño de Valdeorras e dirixido por Cristina da Torre, pon en valor este elemento etnográfico singular como son as “covas”, un dos atractivos máis singulares e enigmáticos do territorio.

Os municipios que integran o xeodestino son: A Veiga, Larouco, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa e Carballeda de Valdeorras.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18472814559937