Oito GDR galegos reforzan o seu traballo no rural ante a nova normativa de alimentación colectiva

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | FerrolXa | OurenseXa
O proxecto «Comedores Responsables KM0» conecta desde 2025 produtores locais, empresas e colectividades para promover unha alimentación saudable e sostible
obradoiro-alimentacion-cociña-saudable-celanova
22 Nov 2026

A entrada en vigor da nova normativa sobre alimentación saudable e sostible en determinados servizos de alimentación colectiva pon en valor o traballo que oito Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) galegos levan anos desenvolvendo nos seus territorios. A través do proxecto de cooperación «Comedores Responsables KM0», iniciado en 2025, estas entidades traballan para conectar produtores, empresas agroalimentarias e colectividades, favorecendo o consumo de alimentos de proximidade, de tempada e de calidade.

A iniciativa está coordinada polo GDR Terras de Compostela e desenvólvese no marco do convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) e os grupos participantes. O obxectivo é aproveitar o coñecemento do territorio e a experiencia acumulada polos GDR para reforzar a relación entre o tecido produtivo local e os centros que ofrecen servizos de alimentación colectiva.

Desde a súa posta en marcha, «Comedores Responsables KM0» colabora con centros educativos, residencias de maiores, vivendas comunitarias e outras colectividades, adaptando as actuacións ás necesidades de cada ámbito. Ata o momento, a iniciativa conta coa participación de máis de 60 centros e servizos e de máis de 110 profesionais e empresas do agro galegas.

No ámbito da atención ás persoas maiores, as accións formativas chegaron a sete centros de seis concellos galegos, que suman máis de 350 prazas residenciais.

A través de encontros territoriais e formación especializada, os GDR facilitan a conexión entre centros, produtores e distribuidores. As actividades abordan cuestións como a nutrición, a seguridade alimentaria, o abastecemento de proximidade e a planificación dos menús.

O proxecto tamén elaborou materiais divulgativos sobre as froitas e hortalizas de tempada de Galicia, co propósito de fomentar o coñecemento e a utilización destes produtos nos comedores.

Os cambios da nova normativa de alimentación colectiva

O Real Decreto 950/2026, publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE) o pasado 6 de novembro, establece novos requisitos de calidade nutricional e sustentabilidade para os centros públicos incluídos no seu ámbito de aplicación e determinados centros e servizos sanitarios e sociosanitarios privados.

Entre as principais medidas, establece que polo menos o 90 % das racións de froita e o 30 % das de hortalizas sexan frescas e de tempada. Ademais, un mínimo do 10 % das racións de froitas e hortalizas deberán proceder de canles curtas de distribución.

A normativa tamén fixa criterios para a adquisición de alimentos ecolóxicos, cun mínimo do 10 % do custo de adquisición durante os primeiros catro anos de aplicación, porcentaxe que posteriormente aumentará ata o 25 %.

Outras medidas están relacionadas coa supervisión nutricional dos menús, a formación do persoal, a prevención da desnutrición e a limitación das frituras e dos pratos precociñados, tendo en conta as características e os requisitos específicos de cada tipo de centro.

O novo real decreto entrará en vigor o 6 de novembro de 2027. Pola súa banda, os comedores escolares continuarán rexéndose polo Real Decreto 315/2025, que agora se modifica para ampliar o seu ámbito de aplicación ao primeiro ciclo de Educación Infantil, de 0 a 3 anos, incorporar criterios específicos para os almorzos e as merendas escolares e introducir medidas para reducir o uso de envases e vaixelas de plástico.

Unha oportunidade para os produtores galegos

O impulso aos alimentos de tempada e ás canles curtas de distribución pode abrir novas oportunidades para as pequenas explotacións e empresas agroalimentarias galegas. Neste contexto, a experiencia dos GDR e as relacións construídas durante anos cos produtores e entidades dos seus territorios permiten facilitar o contacto entre as necesidades dos comedores e a oferta do tecido produtivo.

Chefa Fernández, xerente da Asociación Terras de Compostela (GDR-19), destaca a importancia de aproveitar o traballo desenvolvido ata o momento. «Os oito GDR levamos anos colaborando con produtores, empresas e entidades dos nosos territorios. Con Comedores Responsables KM0 estamos aproveitando esa experiencia para coñecer mellor as necesidades dos comedores e facilitar a súa relación cos provedores locais. A nova normativa reforza a importancia deste traballo, que busca mellorar a alimentación das persoas e, ao mesmo tempo, apoiar o tecido produtivo rural», sinala.

O proxecto continúa así promovendo novas colaboracións entre colectividades e produtores, buscando solucións adaptadas ás necesidades dos centros e ás posibilidades de abastecemento de cada territorio.

Os oito grupos participantes son a Asociación para o Desenvolvemento Rural da Comarca de Lugo (GDR-04), a Asociación Miño-Ulla (GDR-05), a Asociación para o Desenvolvemento Rural Sil-Bibei-Navea (GDR-08), o Grupo de Desenvolvemento Rural Comarca de Ourense (Adercou, GDR-11), a Asociación de Desenvolvemento Rural Terras de Pontevedra Norte (GDR-16), a Asociación Terras de Compostela (GDR-19), a Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Ordes (Asdecomor, GDR-21) e o Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte (GDR-22).

En conxunto, estas oito entidades abranguen 86 concellos e preto de 710.000 habitantes, formando unha rede de cooperación que conecta alimentación saudable, sustentabilidade e desenvolvemento rural.

A nova normativa dá así maior visibilidade a un traballo que xa se viña realizando no territorio galego: acompañar as colectividades, apoiar os produtores locais e establecer novas conexións entre a alimentación colectiva e o medio rural.

0.16188597679138