Organizan en Maceda un debate sobre a prevención de incendios e o papel dos montes veciñais

Maceda acollerá este sábado 18 de xullo, ás 20.30 horas, a mesa redonda "A prevención dos lumes no territorio e a figura dos Montes Veciñais", unha iniciativa que pretende abrir un espazo de diálogo sobre a xestión sostible do territorio e a prevención dos incendios forestais.
A actividade desenvolverase no Salón de Plenos do Concello e estará aberta ao público ata completar o aforo.
O relatorio correrá a cargo de Tonio Nogueira, técnico ambiental especializado en Montes Veciñais en Man Común (MVMC), quen abordará o papel destas entidades na conservación do territorio e no futuro do medio rural.
A xornada busca reunir comunidades de montes, administracións, entidades ambientais e veciñanza para compartir experiencias e reflexionar sobre os retos actuais da xestión forestal en Galicia.
Durante o encontro tamén se presentará unha iniciativa orientada a coñecer con maior detalle a realidade das comunidades de montes da comarca de Maceda e promover novas vías de colaboración en ámbitos como a prevención dos incendios, a custodia do territorio, a conservación da biodiversidade e a posta en valor do patrimonio natural e cultural.
A actividade está promovida por Gardiana do Bosque, coa colaboración de Amigas das Árbores de Ourense, Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde (EGAV), o IV Encontro Burla Verde e o Concello de Maceda.
Gardiana do Bosque é un proxecto de custodia do territorio e educación ambiental nacido na comarca de Maceda que traballa na conservación da biodiversidade, na prevención dos incendios forestais e na implicación da veciñanza no coidado activo do territorio.