Os autobuses urbanos de Ourense súmanse á campaña da AECC polo Día Mundial contra o Cancro
O Concello de Ourense, xunto a Avanza, compañía operadora do servizo de autobús urbano da cidade, e a sede provincial da AECC (Asociación Española Contra el Cáncer) colaboran un ano máis na difusión da campaña polo Día Mundial Contra o Cancro na flota de autobuses urbanos de Ourense.
A campaña, que estará visible nos autobuses ata o vindeiro 4 de febreiro, presentouse nun acto levado a cabo esta mañá no que participaron Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, Carlos González, director de Avanza na división Urbanos de Galicia, Jose María Díaz, xerente de Avanza en Ourense e Germán Rodríguez-Sáa, presidente de AECC Ourense.
Con motivo do Día Mundial Contra o Cancro a campaña quere lembrar a importancia da prevención para a detección precoz desta enfermidade, así como a necesidade da aposta pola investigación oncolóxica.
O alcalde Gonzalo Jácome, destacou que o Concello de Ourense vén apoiando e seguirá apoiando "todas aquelas iniciativas que, como esta, contribúen a fomentar a concienciación cidadá e a asunción de hábitos saudables e condutas preventivas fronte ao cancro e fronte a outras enfermidades". Pérez Jácome felicitou o excelente traballo que desenvolve a Asociación Española contra o Cancro en Ourense, e animounos a dar continuidade en todas as actividades, proxectos e servizos que levan a cabo ao longo do ano.
Pola súa parte, Carlos González, director Avanza na división Urbanos de Galicia, sinalou que “para Avanza é un orgullo participar un ano máis nesta iniciativa. Os autobuses urbanos son unha canle clave para achegar mensaxes tan necesarias como as de AECC a milleiros de persoas cada día”.
Germán Rodríguez-Sáa, presidente de AECC Ourense, agradeceu ao Concello e a Avanza o seu compromiso e colaboración e recordou que “ a prevención é clave na loita contra o cancro, e accións como esta permítennos chegar a máis persoas, informalas e lembrarlles a importancia da investigación e participar en programas de detección precoz”.
O Concello de Ourense e Avanza reafirman o seu compromiso coa saúde e o benestar da cidadanía a través de iniciativas coma estas, unindo esforzos para xerar un impacto positivo e fomentar a prevención e loita contra o cancro.
A sede de AECC de Ourense pon á disposición dos pacientes con cancro e das súas familias unha ampla rede de servizos gratuítos como a atención psicolóxica, o acompañamento ou asesoramentos social, para que ningún paciente ou familiar se sinta só, desorientado ou desinformado durante o proceso.