Os autobuses urbanos do Concello de Ourense serán gratuítos entre o 16 e o 22 de setembro
Os autobuses urbanos do Concello de Ourense serán gratuítos durante unha semana, desde o 16, luns, até o domingo, 22 de setembro pola celebración da Semana Europea da Mobilidade.
Así o anunciou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, no transcurso do pleno ordinario do Concello do mes de setembro.
O goberno municipal amplía así a unha semana de duración esta experiencia de gratuidade dos autobuses, que xa se levara a cabo durante un día en edicións anteriores da Semana Europea da Mobilidade.
Con esta medida, explicou Pérez Jácome, preténdese fomentar o uso do transporte público entre a cidadanía ourensá, xa que todas as persoas que o desexen poderán viaxar de balde en calquera das liñas que forman a rede regular do transporte urbano de Ourense. A experiencia tamén servirá como unha proba piloto da gratuidade do servizo, que o goberno municipal quere implantar proximamente na cidade.