Os Bolechas visitarán este Nadal os centros comerciais das cidades

GaliciaXa | LugoXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Valentín García inclúeo no novo Plan da lingua para reforzar “o galego nos espazos de lecer da mocidade e as familias”
os-bolechas-nos-centros-comerciais
26 Nov 2026

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, incidiu hoxe na importancia do novo Plan xeral de normalización da lingua galega para reforzar “a presenza do galego naqueles espazos específicos nos que socializa a mocidade e onde acoden as familias tamén no seu tempo de lecer”. Fíxoo durante a presentación no Centro Comercial As Cancelas, en Santiago de Compostela, da campaña Os Bolechas nos centros comerciais, que se desenvolverá durante os vindeiros días en varias cidades galegas.

Tal e como explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, esta proposta forma parte das 50 primeiras medidas que a Xunta de Galicia xa está poñendo en marcha nos primeiros cen días desde a aprobación do Plan no Parlamento de Galicia. Neste senso, o secretario xeral da Lingua precisou que a proposta enmárcase con dúas liñas de actuación recollidas nesta folla de ruta e que teñen que ver, por unha banda, co eido económico, e, por outro, coa transmisión patrimonial do idioma. “Esta é unha proposta coa que fomentamos a lingua a través da publicidade en medios e espazos comerciais ao tempo que incorporamos propostas culturais en galego aos ámbitos de lecer”, apuntou Valentín García.

Así, os bonecos, asentados xa entre o público familiar e “asociados ao lecer e ao uso do galego”, explicou Valentín García, visitarán durante as campañas comerciais do Black Friday e de Nadal, dúas épocas de especial afluencia de visitantes nestas áreas, varios centros nos que tamén agasallarán a cativada con libros infantís en galego. Trátase de Vialia, en Vigo, o 28 de novembro; As Termas, en Lugo, o 5 de decembro; As Cancelas, en Santiago de Compostela, o 12 de decembro; Ponte Vella, en Ourense, o 19 de decembro, e O Corte Inglés de Catro Camiños, na Coruña, o 23 de decembro.

0.1782078742981