Os “Cafés en Igualdade” teñen unha nova cita en Allariz cun encontro sobre a xestión emocional e a culpa

O Concello de Allariz dá continuidade ao programa “Cafés en Igualdade”, unha iniciativa de encontros participativos que busca crear espazos de reflexión e diálogo en torno á igualdade.
A seguinte sesión terá lugar este venres 15 de maio ás 17.00 horas no espazo Roi Xordo, onde se abordará o tema “Rebelión emocional: o pracer de vivir sen culpa”.
O encontro contará coa participación da psicóloga Beatriz García-Valdecasas, que achegará ferramentas para reflexionar sobre as culpas impostas e fomentar o dereito ao benestar emocional e ao desfrute sen cargas.
A actividade desenvolverase nun formato reducido e participativo, mantendo o espírito de grupo próximo que caracteriza este ciclo. As prazas son limitadas e será necesario reservar antes do xoves 14 de maio a través do teléfono 988 554 059.